Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de maio de 2016

Culturas presenta unha iniciativa de apoio ás e aos creadores locais "que contribúe á apertura do proceso artístico á cidadanía"

O concelleiro José Manuel Sande defende “o acompañamento fronte ao parternalismo” das institucións na execución das políticas culturais, na presentación do proxecto “De Estudos Abertos”, que se celebrará este venres día 20 de 17 a 23.00 horas en 14 espazos da cidade

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou esta mañá na presentación De Estudos Abertos, unha proposta elaborada por un colectivo de artistas locais que se celebrará este venres, día 20 de maio, e na que 14 creadoras e creadores da cidade abrirán os seus estudos á veciñanza. O edil destacou que esta iniciativa de portas abertas, que terá lugar de 17.00 a 23.00 horas, permitirá aos axentes culturais “mostrar unha parte do seu traballo, a produción e proceso artístico, que máis descoñece a cidadanía”. Sande sinalou que o apoio do Goberno local á difusión de proxectos como De Estudos Abertos vén refrendado pola aposta “pola autoxestión e acompañamento desde as institucións os procesos nacidos na comunidade fronte ao paternalismo e dirixismo na execución das políticas culturais”, explicou, unha liña de traballo que a súa área vén de realizar, lembrou, con propostas como Onde vive a música, onde revives ti, das salas de concertos da cidade.

Na tarde do venres 20, 14 estudos abrirán, desde as cinco da tarde, as súas portas á cidadanía e a outras e outros artistas cos que compartirán espazo. En total serán 28 creadoras e creadores de diversas disciplinas, como a pintura, fotografía, escultura ou vídeo, as e os que participarán neste proxecto, que ten como referencia os Open Studio postos en marcha en cidades de todo o mundo. Un dos obxectivos desta xornada de portas abertas aos estudos segundo un dos promotores da actividade, o pintor Jano Muñoz, é trasladar a conversa dos centros de arte, museos e galerías “á cociña” das e dos creadores, coa finalidade de recuperar os estudos “como espazo de encontro e debate sobre arte”.

No grupo que formará a primeira edición da proposta De Estudos Abertos atópanse artistas locais de estilos e traxectorias diferentes, “desde os máis novos, como Laura Pintos ou Raúl Álvarez, aos recoñecidos Manuel Vilariño, Correa Corredoira ou Héctor Francesch”, explicou Muñoz. As e os 14 creadoras e creadores con estudo propio convidarán a outros tantos artistas a compartir o mesmo espazo creativo na tarde do venres, unha ruta que poderá seguirse a través dun mapa editado polo Concello e que está dispoñible para a súa descarga ao final desta nova. 

Documentos:

Mapa "De Estudos Abertos" (2 MB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión