Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de abril de 2018

O Concello tamén acomete, neste momento, as obras correspondentes ao carril bici de Salgado Torres e prevé abordar, de xeito inminente, as relacionadas coa conexión entre A Palloza e Matogrande

Daniel Díaz Grandío celebra "o inicio das obras previas á execución do carril-bici metropolitano como forma de referendar a aposta do Concello pola mobilidade sostible"

O goberno local acomete actuacións na mediana de Primo de Rivera, dentro dunha serie de obras que mellorarán a seguridade de peóns e ciclistas e conservarán e mellorarán as condicións das árbores da zona

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, comentou nesta xornada, con motivo do Día Internacional da Bicicleta, a importancia que para o Concello da Coruña ten o fomento desta forma de transporte e ocio, motivo pola cal está a dar un forte impulso na mellora e ampliación do carril bici na cidade. Así, o responsable municipal adiantou que esta xornada comezaron a acometerse na mediana de Primo de Rivera obras previas á construción do carril bici metropolitano, cuxa execución comenzará en breve ao estar xa adxudicado o contrato de obra. As actuacións de carácter previo que se están a acometer permitirán que o trazado do carril bici poida discorrer de forma segura e segregada polo actual espazo de calzada, á vez que se respecta, amplía e mellora o espazo que a vía ten reservado tanto para o paso peonil como para as árbores que alí hai, que non se verán afectadas pola obra posterior da conexión metropolitana. O edil insistiu en que "esta actuación se desenvolve de forma independente ao proxecto de execución do carril bici, pero é fundamental para acometer a posterior actuación que se desenvolverá e mellorar a seguridade da vía".

Unha vez rematadas estas actuacións, comezarán os traballos de execución do carril bici de conexión metropolitana, que  suporá un investimento de case 915.000euros. En concreto, os tramos de actuación irán da Avenida da Mariña á Delegación do Goberno (tramo de 800 metros de percorrido que pasará polo Cantón Grande e Pequeno, Sánchez Bregua e o inicio de Linares Rivas); da Delegación do Goberno ao Parque de San Diego (1.525 metros de percorrido que discorrerían pola Praza de Ourense, Linares Rivas, intersección con Ramón y Cajal e AC-12 até o inicio do Parque de San Diego); e Parque de San Diego a Ponte da Pasaxe (cun tramo de 3.000 metros de percorrido dende Oza, pasando pola AC-12, Xubias de Arriba e a AC-12 até a Pasaxe).

Díaz Grandío recordou que esta non será a única actuación en materia de ampliación dos carrís bici e sendas ciclables da cidade xa que tamén está previsto que, en breve, comecen a abordarse as actuacións que rematarán coa creación dun carril bici que discorrerá entre A Palloza e Matogrande, tras ser adxudicadas as obras. Cun itinerario de 2,2 quilómetros, transcorrerá desde a Casa do Mar ata Matogrande por Ramón y Cajal, Alcalde Pérez Ardá e Salvador de Madariaga, e estará caracterizado pola segregación dos carrís -separando deste modo as bicicletas do tráfico de vehículo rodando e respectando as beirarrúas para peóns-, a seguridade para as usuarias e usuarios -tanto ciclistas como peóns- e a súa execución sobre a calzada. Neste caso cada carril será de circulación unidireccional e aproveitará os dous sentidos da calzada. A obra suporá un investimento de 305.000 euros.

Ademais, neste momento, o Concello acomete as obras para implantar un novo carril bici na avenida de Salgado Torres. O obxectivo, neste caso, é garantir a conexión por bici con Catro Camiños. As actuacións postas en marcha neste momento complétanse, ademais, co tramo de carril bici xa executado polo goberno local en Pablo Picasso. Os traballos estanse a desenvolver no túnel situado entre Ramón y Cajal e a glorieta Xeral Rubín. A actuación en marcha comprende a execución de itinerarios específicos peonís e ciclistas. O túnel contará cunha disposición do carril bici en ambos sentidos, ademais de novas beirarrías e a modernización da rede semafórica e de pluviais. Á vez que se acometen estas obras, o Concello procederá á renovación e mellora da eficiencia do alumeado do túnel. Este carril bici, coas correspondentes melloras no túnel, supón un investimento de case 315.000 euros.

Día da Bicicleta

Por outro lado, o concelleiro de Mobilidade Sostible participou hoxe nas actividades realizadas polo Concello, a través da área de Seguridade Cidadá, con motivo do Día da Bicicleta, e nas que tamén colaboran BiciCoruña, Turismo da Coruña e o taller Recyclos, ademais de Gadis e Albada. O alumnado do IES Monelos realizou un percorrido supervisado en bicicleta que foi precidido dun taller ergonómico sobre mantemento de bicis e que contou cunha actividade no Museo Arqueolóxico.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión