Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de febreiro de 2023

De gardarroupa a avituallamento: todos os servizos da C21

Os corredores terán camiseta, espazo para deixar as súas mochilas, duchas e repartición de bebidas e alimentación tanto no medio maratón como na 5K, que terán os seus respectivos caixóns de saída

Coruña21 brinda a cada atleta unha ampla carta de servizos para a proba que se celebrará o domingo 12 de febreiro a partir das 10.00 horas.

Os dorsais entregaranse o venres e o sábado no departamento de deportes de El Corte Inglés, en Ramón y Cajal, dentro do seu horario comercial xunto coa camiseta oficial da carreira. De maneira excepcional, estarán dispoñibles na zona de saída o día da C21 desde as 09.00 horas.

Os números levan integrado o chip e son persoais e intransferibles. Contan, ademais, cun código QR a través do cal cada deportista poderá consultar os seus rexistros.

A cronometraxe da carreira realizarase mediante os chips e haberá varios puntos de control ao longo do percorrido polo que deben pasar todas as persoas participantes.

No Obelisco estableceranse catro caixóns de saída por cada carreira e que coincidirán en cor coas bandas dos dorsais, en función dos tempos de referencia. Na C21 serán verde claro, amarela, rosa e azul e na 5K, verde escuro, laranxa, ciano e vermello.

Co obxectivo de axudar ás persoas participantes en Coruña21 a lograr as marcas que ambicionan haberá sete ritmos diferentes de carreira. Club Atletismo Narón, Club Hércules Termaria, Nosportlimit, Coruña Comarca e A Mochila do Deporte prestarán aos seus atletas para que o medio maratón poida contar con este servizo e The Covardes vestiralles coa súa roupa técnica de running.

O ritmo máis alto será de aproximadamente 3:45 por quilómetro para completar o medio maratón en 1h 20. Haberá lebres tamén para ir a 4 minutos por quilómetro (1h 24), a 4:15 (1h 30), a 4:30 (1h 35), a 4:45 (1h 40), a 4:59 (1h 45) e a 5:40 (2h 00).

Dispoñerase de aseos portátiles na zona de saída, meta e os puntos de avituallamento. As duchas, en horario de 11.00 a 14.00, situaranse no Palacio dos Deportes de Riazor e o servizo de gardarroupa, de 09.00 a 13.00, no Obelisco.

Instalaranse postos de avituallamento a partir do quilómetro 5 e, aproximadamente, cada 5.000 metros. En meta, tanto na C21 como na 5K (aínda que cada unha coa súa propio avituallamento), cada deportista recibirá froita, un boliño, froitos secos, auga, bebidas e xel enerxético. Colaboran Vegalsa, Sanbrandan, Coca-Cola, Powerade, Gadis e Vitaldin Sport.

Para a recollida selectiva de residuos, colocaranse colectores suficientes que serán de uso obrigatorio.

Os que finalicen a C21 recibirán un diploma acreditativo de completar a proba.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión