Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de xullo de 2022

Este luns ábrese a inscrición para as visitas guiadas, de 50 minutos de duración, que comezarán o vindeiro sábado 16 en horario de mañá e en grupos de ata 20 persoas

‘Descubre o Colón con María Casares’ abre o corazón do teatro para amosar os seus 74 anos de historia a través da figura da actriz coruñesa

O público poderá coñecer como nunca antes os distintos espazos do Colón —desde os vestiarios e o foso da orquestra ata o palco real ou o ambigú— e quen era e como viviu María Casares na Coruña e en Francia

'Descubre o Colón con María Casares' é o título das visitas guiadas organizadas polo Concello da Coruña neste mes de xullo, con dous obxectivos. Por unha banda, abriranse as portas do teatro ao público para que poida explorar o corazón do último gran cine-teatro construído en Galicia, inaugurado hai xa 74 anos. Por outra, servirá para recuperar a memoria da actriz, unha das coruñesas máis célebres e destacadas política e culturalmente e considerada a gran dama do teatro francés do século XX. 

A través desta actividade, os visitantes poderán coñecer de primeira man como é un teatro de corte italiano e como foi cambiando o edificio desde a súa inauguración, en 1948, ata a actualidade. "Descubre o Colón con María Casares" permitiralles mergullarse, guiados pola figura da actriz, no contexto cultural da Coruña da segunda metade do pasado século e dos primeiros anos deste, e acceder a distintos espazos do seu interior como o vestíbulo, o gardarroupa, os vestiarios, o almacén, o foso da orquestra ou a sala de ensaios.

Explicaranse tamén detalles e peculiaridades de zonas que están á vista do público como poden ser o ambigú, o palco real, o principal, a platea e o escenario. A visita complementarase con curiosidades e anécdotas do propio Colón e do mundo do teatro en xeral.  

O Ano Internacional María Casares 

O ciclo cultural servirá, ademais, para coñecer quen era e como viviu María Casares en A Coruña e como, sendo filla de Santiago Casares Quiroga, presidente do Consello de Ministros da II República, tivo que exiliarse a Francia en 1936, cando tiña 13 anos, instalándose en París, cidade onde estudou teatro e onde, na época das vangardas artísticas, amosou o seu compromiso ético, político e social coa súa orixe, as persoas refuxiadas e os ideais republicanos. 

Esta actividade enmárcase na celebración neste 2022 do Ano Internacional María Casares, unha iniciativa impulsada polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de conmemorar o centenario do nacemento da actriz coruñesa, dándolle así o lugar que lle corresponde no imaxinario colectivo da nosa cidade e promovendo o recoñecemento á súa figura e traxectoria.

Aberta a inscrición para participar nas visitas 

As visitas ao Teatro Colón con María Casares realizaranse en grupos de ata 20 persoas os sábados e domingos das fins de semana do 16 e 17, 23 e 24, e 30 e 31, con dúas visitas cada día, ás 11.00 horas e ás 12.30 horas. A duración estimada de cada unha é de 50 minutos. 

Este luns abrirase a inscrición para realizar as reservas, a través do teléfono 722 876 073 ou ben a través do correo visitateatrocolon@gmail.com. 'Descubre o Colón con María Casares' está pensado para público de todas as idades, aínda que o máis recomendable é que as persoas asistentes sexan maiores de 8 anos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión