16 de maio de 2026
O Concello acometerá tarefas de impermeabilización e renovación nas infraestruturas, co obxectivo de modernizar as instalacións e adaptalas ás necesidades das persoas usuarias
O Concello dá un paso máis no seu plan de renovación dos centros cívicos municipais. Agora, con novas actuacións sobre a escalinata de Santa Lucía, que permitirán adaptar e mellorar as instalacións do espazo veciñal e os baixos lindeiros nesta parte da avenida Fernández Latorre, no barrio de Catro Camiños.
Os traballos, xa en marcha, contemplan un amplo abano de intervencións entre a escaleira e o centro cívico, co obxectivo de impermeabilizar a estrutura para evitar filtracións de auga e renovar as súas cubertas e acabados de fachada mantendo a imaxe orixinal do conxunto, un aspecto fundamental que, tal e como se subliña na memoria técnica do proxecto, é clave ao tratarse dun ben catalogado.
Ademais, tamén se aproveitará a intervención para renovar a instalación eléctrica e cadros xerais das dependencias municipais que hai baixo a escalinata, onde tamén se prevé restaurar as carpinterías exteriores.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, fixo fincapé na importancia desta medida "para mellorar o confort do centro cívico veciñal, un equipamento público de proximidade que é vital no día a día do barrio, fundamental para promover a integración, cohesión social e a convivencia cidadá".
Canosa contextualizou esta actuación, que forma parte dun plan máis amplo co que o Goberno de Inés Rey busca poñer en valor os centros cívicos dos barrios e adaptar as instalacións conforme ás súas necesidades actuais. A primeira fase desta folla de ruta inclúe os centros cívicos de Labañou, San Diego, Os Rosales, O Castrillón e o espazo veciñal da escalinata de Santa Lucía. Neste último caso, as obras programáronse para esta fase do ano co obxectivo de non interferir no desenvolvemento da programación sociocultural do recinto.

16 de maio de 2026

11 de maio de 2026

23 de abril de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible