20 de xaneiro de 2025
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda fixo balance esta mañá dos novos avances que está a experimentar o Plan. A semana pasada, activouse a subasta pública do número 3 da rúa Damas, na Cidade Vella
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, fixo balance este luns dos avances que está a experimentar o Plan municipal de recuperación de ruínas, unha medida posta en funcionamento polo Goberno de Inés Rey para dar solucións máis áxiles ao estado de abandono no que se atopan algúns edificios, soares e inmobles da cidade.
Na rolda de prensa desta mañá, Díaz Gallego lembrou que "dos oito edificios en ruínas incluídos na nosa folla de ruta inicial, que estiveron sen ningún movemento nos últimos anos, xa activamos tres procesos de poxa, outro obtivo licenza de rehabilitación sen necesidade de saír a venda forzosa, hai outros dous edificios con informes de viabilidade na Comisión do PEPRI e hai un a expensas de decisión xudicial".
O concelleiro expuxo que o procedemento é complexo e particular para cada un dos expedientes que están sobre a mesa, por tratarse de propiedades privadas que, nalgúns casos, sofren deterioración ou desleixo pola inacción dos seus donos e, a miúdo, tamén pola falta de acordo entre as persoas herdeiras para asumir a súa conservación e o seu mantemento.
Con todo, a semana pasada déuselle un novo pulo ao plan, co inicio do proceso de poxa pública do inmoble situado no número 3 da rúa Damas, na Cidade Vella. Así se notificou o pasado luns 13 de xaneiro no Boletín Oficial da Provincia (BOP), cando se abriu un prazo de información pública de 30 días hábiles, para que as posibles persoas compradoras se informen do estado do edificio, que data do ano 1900, e a propiedade se manifeste ao respecto ao longo deste período.
Díaz Gallego lembrou que, tras a publicación deste trámite, hai tres meses para poxar o edificio. "Xa estamos traballando nos pregos, que se están a ultimar", indicou. A poxa do inmoble iníciase en algo máis de 110.000 euros, e as ofertas deberán efectuarse á alza sobre esta cifra. Se a poxa quedase deserta, habería unha segunda poxa rebaixando ese valor nun 25%, tal e como marca a lei. E, se novamente non houbese ofertas, o Concello tería a posibilidade de adquirir o edificio por un 75% do importe inicial.
"Como apuntou a alcaldesa, Inés Rey, cando se presentou esta medida, os edificios abandonados poden ser focos de inseguridade e insalubridade, e tamén afean esteticamente a cidade", apuntou o concelleiro, que subliñou a importancia de actuar.
O obxectivo: garantir a rehabilitación de edificios en abandono
Dos expedientes restantes incluídos no Plan municipal de recuperación de ruínas hai dous con anteproxectos xa presentados á Comisión PEPRI para a súa rehabilitación: os do número 130 da rúa Orzán e do 140 da rúa Santo André. A estes dous súmase o 72 da rúa Orzán, que xa conta con licenza de rehabilitación outorgada por parte do Concello. A previsión é que o futuro edificio conte con catro novas vivendas.
No número 4 da rúa Pastoriza xa se iniciou a tramitación da súa venda forzosa, cunha declaración de incumprimento das obrigas de conservación, con data de outubro do ano pasado.
No referente ao soar situado no número 6 da rúa Herrador, tamén no barrio da Pescaría-Orzán, Díaz Gallego explicou esta mañá que "xa se iniciou a súa venda forzosa, que está agora paralizada xudicialmente pola propiedade. Estamos á agarda, pois, do ditame do xulgado. En todo caso, xa había persoas compradoras interesadas, polo que esperamos que se desbloquee".
O número 8 da rúa Santa Lucía, onde o Concello tivo que actuar de forma subsidiaria ante o desleixo da propiedade -acometendo a finais de 2022 unha demolición parcial da súa estrutura-, está pendente de venda por parte da Administración xudicial.
A día de hoxe, do plan inicial estipulado polo Concello, só resta por reactivar o expediente do número 202 da rúa Orzán, sen ningún movemento por parte da propiedade.
Díaz Gallego precisou hoxe que "o balance é positivo". "Pese ao complicado do procedemento e á súa complexidade, estamos a avanzar para garantir o obxectivo, que é a rehabilitación dos edificios. Algúns foron pola vía da poxa pública e noutros casos conseguimos a mesma finalidade sen iniciar o expediente de venda. Foi unha medida pioneira á que xa se sumaron outros concellos de Galicia".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible