20 de abril de 2015
"A iniciativa, que ten como principal obxectivo o de manifestar o dereito de toda a cidadanía á práctica da actividade física e o deporte, realízase este domingo, 26 de abril, na praza de María Pita. A proba sairá ás 11.00 horas cun percorrido de 7 quilómetros e, por primeira vez, contará cun máis curto, de 3 quilómetros, para facilitar a participación de todas as persoas.
O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, acompañado pola vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín, e o presidente de Agadexe (Asociación Galega de Xestores Deportivos) e da Asociación Española de Deporte para Todos, Eduardo Blanco, presentou esta mañá a XX Carreira Alternativa que se realizará este domingo, día 26 de abril, a partir das 11.00 horas, na praza de María Pita.
A actividade, organizada pola Asociación Española de Deporte para Todos, coa colaboración do Concello e da Deputación, pretende manifestar o dereito de todas as persoas á práctica da actividade física e o deporte e servir de altofalante de distintas reivindicacións e instrumentos de accións solidarias.
“Así, neste aniversario tan especial, os coruñeses correrán baixo o lema Deporte sen violencia. Ademais, esta actividade singular de carácter popular e participativo incidirá este ano nos 20 anos de traballo realizado para consolidar a Carreira Alternativa como unha das grandes citas do calendario deportivo coruñés, xunto ao Día do Deporte na Rúa, o Miguelito de Judo ou, máis actualmente, o Circuíto de Carreiras Populares”, destacou Francisco Mourelo, quen manifestou o seu apoio a todas as manifestacións deportivas pola súa contribución á mellora da calidade de vida, a inserción social e a integración a través da práctica deportiva, o lecer e o compañeirismo.
A proba sairá ás 11.00 horas da praza de María Pita cun percorrido de 7 quilómetros e, por primeira vez, contará cun máis curto, de 3 quilómetros, para facilitar a participación de todas as persoas. Nestes traxectos pódese utilizar calquera medio de locomoción, sempre que sexa mediante o propio esforzo persoal ou o realizado por acompañantes. Así, pódese realizar andando, correndo, en patíns, patinete, en bicicleta ou en cadeira de rodas, demostrando que calquera forma é válida para a práctica de saudable dunha actividade física e deportiva.
“Non importa a idade, nin o medio para chegar á meta. Só importan os valores que se transmiten: saúde, educación, inclusión, compañeirismo e deportividade. Só importa a participación e gozar do percorrido, sexa da maneira que sexa”, destacou o concelleiro, quen animou a superar a cifra de 3.000 participantes doutros anos.
Coma en edicións anteriores, a praza de María Pita converterase nun polideportivo ao aire libre con actividades como malabares, patinaxe, xogos alternativos, dardos, xogos con raqueta, minigolf, zumba, xogos de loita, adestramento persoal, discos voadores, ademais dun espazo especial para os máis pequenos. A xornada terminará cun sorteo posterior a unha masterclass de bokwa.
Nesta edición, de forma experimental pero con idea de mantelo en próximas edicións, deseñouse ademais un Programa de Actividade Deportiva Saudable complementario á carreira para realizar actividades de lecer e exercicio físico e, así, achegar a posibilidade de levar a actividade física a todos os recunchos da cidade. A iniciativa está a desenvolverse nos 5 parques biosaudables da cidade: Riazor (rúa Luis Díaz González), praza Elíptica dos Rosales, parque de Novo Mesoiro, parque de Santa Margarita (zona do anfiteatro), Monte Alto (rúa Manuel García Canzobre). A próxima cita será o vindeiro sábado, 25 de abril, de 12.00 a 14.00 horas.

2 de decembro de 2025

30 de novembro de 2025

27 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible