29 de outubro de 2015
O concelleiro de Culturas José Manuel Sande salienta que "esta será unha gran fin de semana de teatro para a cidade"
O teatro galego máis premiado no último ano chega esta fin de semana aos escenarios da cidade. Perplexo, de IlMaquinario Teatro, o mellor espectáculo dos XIX Premios María Casares, representarase no Teatro Rosalía Castro dentro do Ciclo Principal de Outono. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, recoñeceu esta mañá nunha presentación no Pazo de María Pita que esta será “una gran fin de semana do teatro para a cidade”, xa que noutro dos recintos culturais da cidade, o Fórum Metropolitano, subirá ao escenario a outra compañía triunfadora da última edición dos premios do teatro galego, Chévere.
Ademais do recoñecemento ao mellor espectáculo nos premios do teatro galego, Perplexo gañou a mellor dirección, adaptación – tradución, iluminación e vestiario. Segundo o concelleiro de Culturas, o director de Perplexo Tito Asorey foi “o principal responsable do triunfo da obra”, ao acadar 3 dos 5 premios recollidos por IlMaquinario no mes de marzo no mesmo Teatro Rosalía (dirección, adaptación – tradución e iluminación). Perplexo, unha “comedia delirante, moi entolecida”, segundo Asorey, “fálanos da dificultade para atopar a nosa personalidade nun mundo moi cambiante”. A peza, baseado nun texto do autor alemán Marius Von Mayenburg, permite “experimentar en Galicia coas dramaturxias que se están facendo ao longo do mundo”, afirmou o director da obra.
A través dunha montaxe “potente e lúdica”, IlMaquinario xoga dun xeito “audaz” coa meta teatralidade (teatro dentro do teatro) poñendo en valor a escenografía, o vestiario e uso de novas tecnoloxías, logrando un ritmo “intenso e dinámico” que permitirá que “todo tipo de públicos, e non só o espectador avezado, poida gozar dos mecanismos do teatro contemporáneo”, explicou Asorey. O elenco que subirá ao Teatro Rosalía está formado por Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu e Laura Míguez, as catro persoas que, xunto a Asorey, forman a compañía. O mesmo grupo estivo no ano 2013 no Fórum Metropolitano presentando a súa primeira obra, O home almofada.
As entradas para ver a obra máis recoñecida do ano, e que forma parte da programación da Rede galega de teatros e auditorios, poden adquirirse desde 6,50 euros nos puntos habituais, na praza de Ourense (de luns a venres, excepto festivos) de 9.30 a 13.00 horas de 16.30 a 19.30 horas, na sede de AFundación (de luns a sábado, de 09.00 a 21.00 horas) e no despacho de billetes do propio Teatro Rosalía os días de función (de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas), ademais de no servizo de televenda 902502500 (de luns a sábado, de 08.00 a 22.00 horas) e na web www.ataquilla.com. Como en todo o Ciclo Principal, haberá descontos para as persoas desempregadas, usuarias do carné xove e maiores de 65 anos.
Chévere no ciclo ‘Sen Numerar’
A programación do mellor teatro galego do momento esta fin de semana completarase coa actuación do Grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, dentro do ciclo ‘Sen Numerar’ do Fórum Metropolitano. A compañía, gañadora tamén de 3 premios na última edición dos María Casares coa súa Ultranoite no país dos ananos (mellor música orixinal, texto orixinal e autor secundario), levará ao auditorio do Parque Europa a nova montaxe As fillas bravas, coa que segue explorando as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero para sensibilizar á sociedade fronte á violencia machista e as desigualdades entre homes e mulleres. As actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar actuarán baixo a dirección de Xesús Ron.
As entradas de ‘Sen Numerar’ teñen un custo en venda anticipada de 6 euros. O día da función o prezo será de 9 euros, agás para todas aquelas persoas que gocen dos descontos habituais (maiores de 65, posuidoras de carné xove e desempregadas), que será de 7 euros. Poden adquirirse nos puntos habituais, na praza de Ourense (de luns a venres, excepto festivos) de 9.30 a 13.00 horas de 16.30 a 19.30 horas, na sede AFundación (de luns a sábado, de 09.00 a 21.00 horas), a través do servizo de venda telefónica 902504500, da web www.ataquilla.com e no propio despacho de billetes do Fórum Metropolitano desde unha hora antes do inicio de cada un dos espectáculos.

22 de decembro de 2025

15 de novembro de 2025

31 de outubro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible