Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de abril de 2021

Inés Rey: “A licitación do tren a Langosteira é o maior impulso en 20 anos para transformar a cidade”

A alcaldesa considera que estes avances esenciais se dan “grazas á xestión eficaz do Goberno de Pedro Sánchez e á iniciativa do Goberno que presido, Goberno que por fin aporta solucións tras 18 anos de bloqueo”

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe a licitación da conexión ferroviaria a Punta Langosteira, "o maior dos impulsos dados en 20 anos para transformar a estrutura portuaria da Coruña e, por tanto, a cidade. Trátase, dixo a rexedora, do maior impulso ao desenvolvemento económico portuario e pon as bases para que o porto coruñés xere máis emprego e actividade da que actualmente ten". Neste punto, indicou que o investimento non ten parangón con outros realizados anteriormente na cidade polo Goberno do Estado: "Para a ampliación de Alvedro destináronse 80 millóns de euros e para a Terceira Rolda, 60 millóns. A partida para a conexión ferroviaria será a suma de ambas as actuacións".

O anuncio da licitación confirmouse na reunión mantida en Santiago co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e co ministro de Transportes, José Luis Ábalos. Rey lembra que este desbloqueo da infraestrutura chega despois de que convocase o pasado 23 de febreiro en María Pita a todas as administracións implicadas.

A alcaldesa resaltou que cando un goberno traballa e cre no futuro da cidade, cando coopera co resto de administracións públicas, os proxectos saen adiante: "En 20 meses desbloqueamos infraestruturas fundamentais que levaban paradas 8 anos: por iso temos desbloqueada a Estación Intermodal, vaise materializar o maior investimento nunha infraestrutura sanitaria coa sinatura do convenio do CHUAC e hoxe temos a licitación do tren a Langosteira, tres fitos importantes que recibimos con satisfacción".

Engadiu que desde a propia obra do porto exterior ningún Goberno até o de agora asegurou unha inxección económica de tal magnitude como a que destinará o Goberno de Pedro Sánchez ao investir na construción do ferrocarril máis de 140 millóns de euros: "Asegurei tras o cumio do 23F que habería tren a Langosteira e hoxe podemos constatalo".

Rey lembrou que hai tres meses o tren a Langosteira era unha quimera e que a Autoridade Portuaria estaba a un paso da quebra financeira: "En menos de dous meses tras a reunión en María Pita démoslle solución a algúns dos problemas fundamentais desta cidade que levaban máis dunha década enquistados". "Non estamos falando de algo menor. Hoxe é un día histórico, porque despois de 18 anos estamos poñendo os medios para que o porto exterior poida gañar unha operatividade plena". Esta actividade redundará na creación de emprego, segundo Rey, e, polo tanto, no crecemento da Coruña, da súa área metropolitana e tamén de Galicia.

No referente á liberación dos peiraos interiores tras a posta en marcha do tren, Rey trasladoulles na reunión a Ábalos e a Núñez Feijóo a vontade do Goberno local de iniciar os trámites para anular os convenios de 2004 e de modificar o planeamento vixente antes de que acabe o ano para axustalo á anulación dos ditos convenios e aos novos compromisos "que terán que se concretar baseándose nos usos que entre todas e todos decidamos darlles aos espazos portuarios".

A alcaldesa recordou que na reunión do 23F tamén se frutificou o compromiso de ampliar até o ano 2035 a carencia da débeda principal que pesa sobre a Autoridade Portuaria pola obra do porto exterior: "Temos garantida xa non só a construción do tren, senón tamén a viabilidade financeira da Autoridade Portuaria". Para Rey, estes avances esenciais daranse "grazas á xestión eficaz do Goberno de Pedro Sánchez e á iniciativa do Goberno que presido, goberno que por fin achega solucións tras 18 anos de bloqueo". Así mesmo, agradeceu a boa disposición da Xunta e do seu presidente para, entre todas e todos, tratarmos de atopar unha solución definitiva aos problemas que en medio prazo pesan aínda sobre o porto.

Ese compromiso reafirmarase coa creación do grupo de traballo pactado o 23F, en que estarán representadas todas as administracións na procura da mellor opción para integrar os peiraos na malla urbana e ampliar así considerablemente os espazos públicos desta cidade: "É outro paso fundamental que demostra, como deixei claro o 23F, que se hai diálogo entre administracións todo é posible". Explicou que nos próximos meses concretarán a composición dese grupo de traballo  para o seu correcto funcionamento. Puntualizou que queda traballo pendente, pero que "sen o que acabamos de anunciar, ese traballo sería imposible". O paso seguinte, relatou, será concretar a folla de ruta e determinar as obrigas e compromisos de todas as partes".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión