Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de abril de 2021

Inés Rey: “A república foi coruñesa do mesmo xeito e profundidade que A Coruña sempre foi republicana”

A alcaldesa inaugurou a exposición filatélica con motivo do 90 aniversario da proclamación da segunda República na casa museo Casares Quiroga, que inclúe un selo conmemorativo encargado polo Concello

A alcaldesa, Inés Rey, inaugurou esta mañá na casa museo Casares Quiroga a exposición filatélica con motivo do 90 aniversario da proclamación da segunda República, que inclúe un selo conmemorativo realizado polo Concello. Rey destacou que a mostra resalta a importancia que este período tivo na historia da cidade e engadiu que nela se pode gozar de coleccións procedentes de Andalucía, Asturias, Cataluña, Madrid e Galicia: "Non só están os selos, tamén o que eses selos transportaron no seu momento. Aquí fican as tarxetas e cartas que determinaron o transcurso da primeira e a segunda República Española". A iniciativa complétase con textos persoais do que veu despois. Desta forma, inclúense misivas desde as contendas da guerra civil xunto a outras posteriores, nas que se percibe o amargor do exilio, pero tamén a esperanza dun mundo mellor.

O Concello quere conmemorar así este 90 aniversario con distintas iniciativas, entre elas, un álbum de imaxes, seleccionadas por Xosé Alfeirán sobre a proclamación do 14 de abril de 1931 na Coruña e un pin da alegoría feminina da segunda República, deseñado por Antón Lezcano. Ademais, o Centro Ágora acollerá o sábado o recital poético-musical "A República da Memoria" a cargo de Juan Carlos Mestre e Cuco Pérez, e a charla do xornalista Emilio Silva. O edificio de Panadeiras acollerá o 29 de abril a presentación do libro "Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés" de Narciso de Gabriel, e o 13 de maio "A voz de Santiago Casares Quiroga. Documentos para a súa autobiografía (1884-1931)", de Xosé Alfeirán e Ana Romero. No acto tamén participaron o concelleiro de Memoria Histórica, Jesús Celemín; o presidente da Sociedade Filatélica da Coruña, José Luis Rey, e o director da oficina central de Correos, Francisco Javier Varela.

A rexedora sinalou que a celebración desta efeméride responde a que "a república foi coruñesa do mesmo xeito e na mesma profundidade que A Coruña sempre foi republicana". Para Rey, "ser republicana no contexto do século XIX e XX na nosa cidade era tanto como dicir que esta urbe se viu favorecida pola existencia dunha clase burguesa dinámica, como lle gusta cualificar a Xosé Alfeirán, crecida arredor da puxanza comercial e portuaria, a actividade de servizos e a sede institucional, que reclamaban un marco de liberdade e modernidade cuxa única garantía era a república".

A alcaldesa explicou que conmemorando a proclamación da segunda República o que se fai é lembrar a nosa ansia de liberdade e reforzarmos os valores e ideais de democracia, igualdade e fraternidade porque "temos unha débeda con quen nos precedeu na loita pola liberdade e a igualdade, polos valores da convivencia e a tolerancia, na educación laica e fundada nos ideais de solidariedade humana, como proclamaba o artigo 48 da Constitución de 1931".

Documentos:

folleto (238 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión