9 de novembro de 2022
‘Á bicicleta’ amplía os fondos da colección ‘O espectador’ coa que a pintora reflicte a relación entre María Casares e Albert Camus
A alcaldesa agradeceu o compromiso e xenerosidade de Enrique Barón, esposo da artista e presidente da Fundación Yehudi Menuhin, coa cidade da Coruña
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Fundación Yehudi Menuhin en España, Enrique Barón; presidiron hoxe a doazón dun novo cadro da colección 'O espectador', de Sofía Gandarias, que retrata a relación entre Albert Camus e María Casares.
O cadro cedido, 'Á bicicleta', quedou exposto no Ágora xunto cos outros dous anteriormente xa doados ao Concello, 'O espectador II' e 'María Casares', por parte da familia e da Fundación Yehudi Menuhi. A cuarta obra que pecha a serie dedicada pola pintora vasca Sofía Gandarias a María Casares e Albert Camus, 'O espectador I', espérase que poida ser incorporada tamén aos fondos pictóricos do Concello da Coruña.
O acto enmárcase dentro das actividades desenvoltas no Ano Internacional de María Casares, que rematarán este mes de novembro coa celebración dun congreso internacional sobre a figura da actriz coruñesa e coa estrea da película documental de Xavier Villaverde, 'María Casares: a muller que viviu mil vidas', o 21 de novembro coincidindo co día do nacemento da artista, do que se cumpre este ano o centenario.
A alcaldesa tivo palabras de especial agradecemento para Enrique Barón, no que conflúe a condición de esposo da falecida Sofía Gandarias e de presidente da Fundación Yehudi Menuhin, da que a pintora era patroa. Inés Rey destacou o compromiso e a xenerosidade de Enrique Barón coa cidade da Coruña, á que confía a custodia dunha parte da obra pictórica de Sofía Gandarias, "o que nos converte un pouco máis en protagonistas dentro do mundo da creación e da cultura".
Durante o acto de doazón, a rexedora coruñesa subliñou que, dalgunha maneira, a traxectoria de Sofía Gandarias e de María Casares manteñen algúns paralelismos, cun recoñecemento que chegou en gran medida fóra das súas orixes, como demostra o feito de que a pintora fose condecorada cos títulos de 'Caballero' da Orde das Artes e as Letras francesa e Caballero da Lexión de Honra da República Francesa en recoñecemento ao conxunto da súa obra, especialmente polos seus retratos de figuras universais, como son Albert Camus, María Casares e outras como Primo Levi, Jorge Semprún, Augusto Roia Bastos, Yehudi Menuhin e José Saramago.
Inés Rey remarcou que a cesión levada a cabo supón tamén un acto de recoñecemento ao amor que se profesaron María Casares e Albert Camus, nunha relación reflectida polos cadros da colección 'O espectador' e nas 865 cartas que se cruzaron durante 15 anos; á vez que destacou a satisfacción e a responsabilidade que representa ser garantes e custodios das obras de Sofía Gandarias.
Os tres cadros permanecerán expostos no Ágora, ao carón da biblioteca que atesoura exemplares das obras de Albert Camus e dunha sala de teatro que permite recordar o enorme talento de María Casares, tal como lembrou a alcaldesa.
No acto, ao que asistiu o expresidente da Xunta de Galicia, Fernando González-Laxe, amigo da familia da pintora, estiveron presentes tamén alumnos e alumnas do instituto Rafael Dieste que participan no programa educativo Mus-e, que desenvolven conxuntamente o Concello e a Fundación Yehudi Menuhin para o fomento das artes, a creatividade e a aprendizaxe.

18 de decembro de 2025

18 de decembro de 2025

17 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible