12 de maio de 2025
A alcaldesa presidiu celebrado no salón de sesións de María Pita
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto de entrega dos premios do XX Concurso de Fotografía Xurxo Lobato, unha iniciativa da Asociación de Amigos do Instituto Monelos na que colabora o Concello da Coruña. Máis de 130 estudantes de toda Galicia participaron neste certame.
"Desde o Concello sentimos un profundo orgullo por acoller e apoiar este tipo de proxectos, que promoven a cultura, a igualdade de oportunidades e o ensino público. Porque unha cidade que aposta pola mocidade, pola arte e pola educación, é unha cidade máis xusta, máis aberta e máis viva", sinalou Inés Rey. A alcaldesa estivo acompañada polo fotógrafo Xurxo Lobato, Xosé Antón Fraga, presidente do xurado, José Luis Fernández, director de comunicación de Gadis, e Antón Orosa, director do IES Monelos. Tamén asistiron o resto de membros do xurado, completado por Patricia Fontanilla, Marcos Sánchez, Lucía Patiño, Xosé Díaz e Xoán Antón Pérez-Lema.
"Vinte anos dan conta dunha traxectoria consolidada, dun proxecto que foi medrando co paso do tempo, sen perder nunca o seu espírito orixinal: tender pontes entre o mundo da educación e o da creación artística, e promover entre a mocidade unha ollada crítica, sensible e comprometida coa realidade", apuntou Inés Rey. O concurso busca favorecer a promoción da fotografía como un xeito de creación entre a xente nova e contribuír a prestixiar o nome do Instituto de Monelos, asociándoo a unha actividade de certa excelencia. Sen esquecer o desexo de promocionar e defender o ensino público.
O Concurso de Fotografía Xurxo Lobato botou a andar no ano 2004 como un certame dirixido ao alumnado galego de Educación Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Escolas de Arte. O ano anterior constituírase a Asociación de Amigos do Instituto Monelos como unha entidade que pretendía axudar á conservación da memoria deste centro educativo e contribuír ás súas actividades e desenvovlemento.
Premios do XX Concurso de Fotografía Xurxo Lobato
1º premio
Foto "Marcado" de Bruno Álvarez Giménez do IES Santo Tomé de Freixeiro de Vigo, 18 anos.
2º premio
Foto "Ahogada en silencio" de Ashlee Sofia Rengifo Hincapié do IES Adormideras da Coruña, 16 anos.
3º premio
Foto "Retrato de artista" de Sarai Fernández Barreiro, do EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela , 20 anos.
Premio especial 20 aniversario á mellor fotografía que reflicte a cidade da Coruña
Foto "Faro da nosa vida" de Nerea Márquez Diaz, do IES Monelos da Coruña.
Mención de Honra
Foto "Luz entre sombras" de Alejandro Lorenzo Naya, do IES Monelos da Coruña, 17 anos.
Foto "Aire" de Lucia Bertoa Fernández, do EASD Pablo Picasso da Coruña, 19 anos.
Fotos "Os sentimentos do meu interior" de Uxío Rudiño Lorenzo, do IES Brión, 16 anos.
Finalistas
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible