Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de decembro de 2020

Inés Rey convoca as administracións implicadas para abordaren de forma integral a situación do Porto

A alcaldesa chama a Xunta, Portos do Estado, Autoridade Portuaria, Deputación, ADIF e ao Ministerio de Transportes a reunírense co fin de acadaren conxuntamente unha solución cara ao futuro do Porto Exterior e dos terreos portuarios urbanos Rey desexa que entre todas as administracións se constitúa a entidade pública co obxectivo de xestionar os terreos do porto interior destinados á desafectación

A alcaldesa, Inés Rey, convocará o Goberno autonómico, Portos do Estado, Autoridade Portuaria, Deputación, ADIF e Ministerio de Transportes para abordaren de forma conxunta a situación do Porto e buscaren solucións de cara ao futuro de Punta Langosteira e dos terreos urbanos que pertencen a esta infraestrutura. A rexedora sinala que esta reunión con todos os órganos competentes é vital polas circunstancias económicas en que se atopa o Porto da Coruña. Respecto á débeda, o Concello seguirá reclamando escenarios financeiros para lle dar unha saída xa que en 2021 está previsto que se incrementen as amortizacións e os ingresos non serán suficientes ao se reducir o tráfico un 20%.

Rey afirma que "as diferentes administracións implicadas debemos realizar unha posta en común para debatermos entre todas as posibles opcións e constituírmonos nunha entidade pública co obxectivo de xestionar os terreos do porto interior destinados á desafectación".

O Concello aprobou precisamente na sesión plenaria de onte unha emenda en que se establecen como criterios para reordenar estes espazos a recuperación das relacións da cidade co mar e o impulso de actividades produtivas e sustentables co fin de conseguir que o Porto sexa competitivo.

MOBILIDADE

Ademais, o Goberno local pretende resolver os problemas actuais de mobilidade aliviando o tráfico da avenida do Porto a outras vías practicamente en desuso como a interior do Porto que vai desde a praza de Ourense a Entrexardíns. Neste aspecto, a idea é crear novos espazos públicos na contorna e apostar por unha sustentabilidade tanto ambiental, en todas as intervencións que se realicen nos terreos portuarios, como social, nas actividades produtivas e non produtivas localizadas alí.

Necesítase por tanto un novo convenio "froito do consenso entre os membros da Entidade Pública de Xestión", insistiu a alcaldesa, que sinalou que "temos un proxecto de cidade baseado nas necesidades de futuro e na mellora das condicións de vida da veciñanza a curto, medio e longo prazo".

Rey afirma que o novo ente debe abordar cuestións importantes como a titularidade pública dos terreos e a súa xestión e explotación por parte das diferentes administracións. "É preciso un futuro convenio que se deberá facer sobre a base da titularidade pública dos terreos e a xestión destes por parte do conxunto das administracións implicadas".

Por outra parte, desde o Concello manteñen unha comunicación directa con Portos do Estado e mais con Adif para lograr un consenso e iniciaren as obras da conexión ferroviaria a Langosteira canto antes porque sen esta infraestrutura "o traslado das empresas é inviable", así como para avaliar as posibilidades financeiras para acometer canto antes esta necesidade loxística con garantías de competitividade e de rendibilidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión