13 de maio de 2026
O III Encontro de Alcaldesas reúne na Coruña responsables públicas e referentes da cultura para reivindicar o feminismo como ferramenta de transformación social
A Coruña acolleu esta tarde no Club Cámara Noroeste o III Encontro de Alcaldesas "Cultura feminista, feminismo na cultura. As alcaldesas falan", unha xornada de reflexión e diálogo arredor do papel da cultura e do feminismo na construción de sociedades máis libres, igualitarias e democráticas.
Durante a inauguración, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey García, destacou que "a cultura non só reflicte a sociedade na que vivimos; tamén ten a capacidade de transformala" e reivindicou a necesidade de seguir impulsando políticas culturais con perspectiva de xénero desde o ámbito local.
No seu discurso, Rey lembrou tamén unha das citas centrais da xornada, da escritora e xornalista catalá Montserrat Roig, ao afirmar que "a cultura é a opción política máis revolucionaria a longo prazo", subliñando así a capacidade da cultura para "cuestionar desigualdades, ampliar dereitos e construír memoria colectiva".
A alcaldesa reivindicou ademais o papel das mulleres na creación cultural e a necesidade de "poñer nome a tantas mulleres que durante séculos quedaron invisibilizadas", así como o compromiso das institucións locais para descentralizar a cultura e garantir o acceso igualitario á programación cultural.
Durante a inauguración interviñeron tamén Cristina Hernández, directora do Instituto da Muller; María Quintiana, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia; e María Barral Varela, vicepresidenta da FEGAMP e alcaldesa de Betanzos, que acompañaron á alcaldesa da Coruña na apertura institucional da xornada.
O encontro reuniu alcaldesas e responsables institucionais de diferentes puntos de España, entre elas Miriam Andrés Prieto, alcaldesa de Palencia; Mariví Monteserín, alcaldesa de Avilés; Mireia González, alcaldesa de Santa Coloma de Gramenet; Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón; e María José Blanco, alcaldesa de Portugalete.
A xornada contou tamén coa participación de referentes da cultura e do pensamento como a produtora galega Chelo Loureiro, gañadora dun Premio Goya; a editora e poeta Dores Tembrás; e a escritora, profesora de Filosofía da UCM e patroa da Fundación María Zambrano Marifé Santiago, que participaron nas mesas redondas dedicadas á memoria, á cultura e ao feminismo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible