6 de xuño de 2025
A alcaldesa interveu esta mañá na apertura do evento, que contará con máis dun cento de establecementos participantes
A alcaldesa, Inés Rey, abriu esta mañá nos Xardíns de Méndez Núñez unha nova edición da Noite Branca, un evento xa consolidado no calendario cultural e comercial da cidade, organizado pola Asociación Zona Comercial Obelisco co obxectivo de pór en valor e dinamizar o comercio local da Coruña.
Durante a súa intervención, Rey destacou a importancia dos Cantóns e da zona do Obelisco como "corazón simbólico e funcional da cidade" e apuntou que "a súa conexión coa rúa Santo André conforma un sendeiro urbano de identidade, tradición e modernidade que estamos a recuperar coa súa humanización: máis espazo peonil, mellor accesibilidade e mobilidade máis sostible".
A Noite Branca 2025 ofrecerá ao longo de todo o día unha ampla programación cultural, gastronómica e comercial, con actuacións, ofertas especiais e máis dun cento de establecementos adheridos. A rexedora puxo en valor o evento como símbolo da "cultura de vivir" que define A Coruña e incidiu na importancia de seguir apostando polo espazo público como ferramenta de dinamización económica, ao tempo que recoñeceu o compromiso do tecido comercial coruñés coa cidade.
Ao acto asistiron, entre outras autoridades e representantes, a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas; a presidenta da Asociación West Galicia, Carmen Blach; o presidente da Federación Galega de Comercio, Miguel Agromayor; e Pedro López, en representación de Estrella Galicia. Rey fixo unha mención especial á nova presidenta da Asociación Zona Comercial Obelisco, Carolina Carrillo, así como ás entidades colaboradoras, á xerente da entidade, Rosa Mena, e á Asociación West Galicia.
A alcaldesa recoñeceu o labor desta última entidade, representativa de familias afectadas por enfermidades raras e epilepsia, e subliñou a súa contribución activa e necesaria á visibilización das necesidades sociais e sanitarias destes colectivos: "A Noite Branca tamén é un espazo para lembrar que a cidade é de todas e todos, e que a inclusión e o apoio ás persoas con necesidades específicas debe estar presente en cada iniciativa cidadá", concluíu.

17 de decembro de 2025

13 de decembro de 2025

10 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible