Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de outubro de 2022

O Concello solicita ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana 8 millóns de euros para a rehabilitación do Barrio das Flores

Inés Rey e a ministra Raquel Sánchez acordan que o Estado aporte 9 millóns de euros ao Concello para asumir as obras municipais da intermodal

O Ministerio comprométese a licitar as obras de ampliación de Alfonso Molina a principios do 2023, cando tamén sairá a concurso o proxecto da Cuarta Rolda

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu hoxe en María Pita á ministra de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA), Raquel Sánchez. Ambas reuníronse con representantes das asociacións empresariais de Agrela, Pocomaco e Vío e da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña co obxectivo de explicarlles de primeira man as actuacións que se están a desenvolver e os proxectos de futuro na cidade.

Tal e como anunciou Inés Rey, o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana subvencionará a maior parte do investimento municipal da futura estación intermodal da Coruña. O Goberno central achegará nove millóns de euros, o que permitirá empregar eses fondos noutras prioridades para a cidade. "Desta maneira, o ministerio corrixe o inxusto reparto dos fondos europeos Next Generation para esta actuación levada a cabo pola Xunta, que decidiu non ceder parte desas axudas para non ter que asumir ningún custo con fondos propios, co que cargou o Concello co groso do investimento", sinalou a alcaldesa.

Durante a xuntanza tamén se repasou o estado das infraestruturas viarias da cidade. Por unha banda, hoxe publicouse o novo plan director de Alvedro, que ten por obxectivo poder atender a máis dun millón e medio de pasaxeiros/as ao ano. O plan contempla tamén actuacións de mellora e ampliación tanto na pista como na terminal de pasaxeiros.

Sánchez confirmou tamén que as obras de ampliación da avenida de Alfonso Molina licitaranse a comezos do próximo ano. Tamén o proxecto da Cuarta Rolda se porá en marcha no primeiro semestre do 2023. "Es un objetivo prioritario para la ciudad y también para este ministerio. Más pronto que tarde esta Cuarta Ronda será una realidad que ayude a descongestionar las áreas más saturadas por el tráfico", sinalou a ministra Raquel Sánchez. Estas dúas actuacións prioritarias xa foran tratadas entre a alcaldesa e a ministra na visita da rexedora ao Mitma do mes pasado.

Ademais, a ministra tamén amosou o compromiso do Goberno con outras obras relevantes, como o vial 18, que se atopa na fase de tramitación ambiental, e a ampliación da ponte da Pasaxe, que está en redacción.

"A Coruña leva moitos anos esperando por estas actuacións, algunhas delas como a ampliación de Alfonso Molina foron anunciadas por moitos gobernos, pero será este quen o leve a cabo", sinalou Inés Rey. A alcaldesa agradeceu a predisposición do Goberno e do MITMA para impulsar grandes investimentos que son fundamentais para garantir o crecemento da cidade. "Estamos levando a cabo un grande esforzo para que A Coruña sexa unha referencia e temos enriba da mesa importantes elementos tractores do crecemento como o porto exterior, o desenvolvemento de empresas punteiras nos nosos centros empresariais ou a Cidade das TIC para os que é imprescindible que contemos cunhas infraestruturas á altura da nosa cidade", dixo Rey.

Áreas de rehabilitación e rexeneración urbana

A alcaldesa e a ministra visitaron esta mañá o Barrio das Flores. Este luns o Goberno municipal aprobou, en Xunta de Goberno Local, a solicitude de participación do Concello da Coruña no 'Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio', unha iniciativa estatal financiada con fondos europeos Next Generation e á que o Concello presenta un total de 747 intervencións, urbanísticas e de rehabilitación, valoradas en 16 millóns de euros.

Neste sentido, e como paso previo a esta solicitude de axudas, a Xunta de Goberno Local tamén lle deu luz verde á declaración como Entornos Residenciais de Rehabilitación Programada (ERRP) de tres dos catro ámbitos de actuación propostos polo Concello de cara ás actuacións de rehabilitación que se prevén executar coa obtención dos fondos Next Generation: son as Áreas de Rehabilitación Integrada (ARI) da Cidade Vella-Pescaría, o grupo de vivendas María Pita-Labañou e as denominadas Casas de Franco (Ventorrillo).

A todas elas súmase, ademais, o Barrio das Flores, xa declarado como Contorno Residencial de Rehabilitación Programada a comezos do mes de outubro, en Xunta de Goberno Local, co obxectivo de obter financiamento público para as actuacións definidas polo Plan Director de Rehabilitación Integrada no distrito. "Este plan abrangue unha ambiciosa mellora do parque de vivendas no Barrio das Flores, así como da súa eficiencia enerxética", subliñou a alcaldesa, Inés Rey.

O Concello cifra en 378 as actuacións susceptibles de financiarse con fondos Next Generation no ERRP do Barrio das Flores, cun investimento solicitado de 8.194.188,53 euros por parte do Ministerio de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana. Nesta fase, o principal obxectivo é a execución do plan de mellora da accesibilidade no itinerario peonil entre a praza dos Freixos e a rúa dos Castiñeiros, no sector norte do barrio. Ademais, o Concello prevé tamén unha ampliación das instalacións da Oficina Municipal de Rehabilitación para facilitar os trámites aos cidadáns que alí soliciten as axudas.

Nos casos particulares da Cidade Vella-Pescaría, o grupo de vivendas María Pita-Labañou e as Casas de Franco, o Goberno municipal busca darlle continuidade ao plan de intervencións xa executadas, ou previstas, nestes tres ámbitos.

No ámbito da Cidade Vella-Pescaría, o Concello estima a realización de 118 actuacións de rehabilitación, correspondentes á novena fase de actuación nesta Área de Rehabilitación Integrada (ARI), nas que se prevé un investimento de 2.730.048 euros. Entre elas inclúese o plan de remodelación da rúa Panadeiras, un proxecto valorado en case un millón e medio de euros que propón a mellora das condicións de circulación peonil e a adecuación das condicións alusivas ao tráfico rodado na contorna.

No caso do grupo de vivendas María Pita-Labañou, o Concello aprobou o pasado mes de xuño, en Xunta de Goberno Local, a tramitación anticipada para contratar as obras incluídas na Fase 1 do plan de reurbanización do grupo de vivendas de María Pita-Labañou, un proxecto xa aprobado a finais de marzo. Neste distrito, o Goberno de Inés Rey acometerá un amplo plan de melloras na zona máis transitada dentro da urbanización, unha área delimitada pola avenida de Labañou, a rolda de Outeiro e a rúa Tomás Fábregas, na que se levará a cabo un investimento de 742.042,19 euros. O prazo de execución dos traballos, desde a súa adxudicación, será de oito meses.

Agora, e coa presentación da solicitude de participación do Concello no 'Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio', que daría pé á segunda fase de actuación neste ARI, o Goberno municipal prevé un investimento de 2.408.557 euros para un total de 107 actuacións. Entre elas, múltiples melloras en accesibilidade e a renovación integral do pavimento.

Por outra banda, nas Casas de Franco-Ventorrillo contémplanse ata 144 actuacións centradas, a grandes rasgos, na remodelación das rúas interiores do ámbito para acometer melloras de accesibilidade aos portais dos edificios residenciais e a reurbanización da contorna para a disposición de espazos máis humanizados, para o uso da cidadanía. En total, o investimento previsto é de 2.574.215 euros.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión