Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de abril de 2024

Inés Rey e Carolina Darias crearán un grupo de traballo para abordar cuestións comúns entre ambas cidades

A alcaldesa reuniuse coa rexedora das Palmas de Gran Canaria para poñer en común os novos retos de futuro para ambas urbes en materia de vivenda, cultura e modernización

A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse esta mañá coa alcaldesa de Las Palmas de Gran Canaria, Carolina Darias, para poñer en común os retos de futuro para ambas cidades. Rey e Darias sinalaron a vivenda como unha cuestión prioritaria para ambos gobernos, xunto coa modernización e a política cultural e anunciaron a creación dun grupo de traballo para seguir consolidando as relacións.

Rey puxo en valor o grupo de traballo conxunto que compartirán os gobernos municipais da Coruña e Las Palmas de Gran Canaria, "que temos retos de futuro en común, sendo dúas cidades semellantes. Temos as mesmas preocupacións e ofrecemos solucións, sentindo o respaldo do Goberno de España a través dos fondos europeos que chegaron aos concellos para seguir avanzando de forma integral no futuro das nosas cidades".

Darias, que insistiu no compromiso dos dous concellos para garantir melloras no referente ao acceso a vivenda da cidadanía, destacou tamén a aposta de ámbalas cidades pola dinamización económica e laboral asociada ao sector tecnolóxico, destacando que "A Coruña es puntera en digitalización y modernización, y Las Palmas de Gran Canaria también, con la estrategia LPA Inteligencia Azul".

En canto á vivenda, o Goberno de Inés Rey anunciou o pasado mes de decembro a posta en marcha do Plan Municipal de Vivenda 2024-2030 co obxectivo de impulsar a creación de ao redor de 4.000 vivendas nese tempo, recollendo un total de 13,22 millóns de euros para diferentes actuacións en materia de vivenda nos presentes orzamentos municipais.

Na mesma liña, Carolina Darias destacou a construción de 1.000 vivendas en réxime de alugueiro (tanto social como a prezo alcanzable), das que 500 xa teñen chan e financiamento.

Ademais, ambos gobernos apostan pola rehabilitación, no que A Coruña dispón dun programa de axudas para rehabilitación e accesibilidade con 2 millóns de euros, 1 en cada unha das liñas; e 8 proxectos en marcha de urbanización e rehabilitación de Contornas Residenciais de Rehabilitación Programada (ERRP), por valor de 5,87 millóns de euros. 

Política cultural

Darias e Rey afondaron no vínculo cultural entre A Coruña e Las Palmas de Gran Canaria, cidades natais de Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós, expoñentes do naturalismo en España. Tamén abordaron a promoción da música co apoio ás Orquestras Sinfónicas, compartido en ambas cidades.

Ademais, o audiovisual coruñés aposta pola realización de filmes con Las Palmas de Gran Canaria como escenario xunto con outras illas do arquipélago como El Hierro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión