21 de xuño de 2019
Rey insistiu na necesidade de licitar a obra da Estación Intermodal que será decisiva para poder poñer en marcha durante o primeiro ano de mandato o plan de mobilidade e para articular o transporte público
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o delegado do Goberno, Javier Losada, conversaron sobre a necesidade de poñer en marcha varios proxectos estratéxicos que dependen do Estado Central, como é o caso da Estación Intermodal, o Vial 18 ou a ligazón ferroviaria a Punta Langosteira. Desde o pasado luns a alcaldesa interesouse "polos proxectos que deben tramitarse canto antes debido a que levan anos de atraso, o que prexudicou os servizos ofrecidos aos coruñeses e ás coruñesas".
Ambos coinciden en sinalar que a Estación Intermodal é un eixe clave para o desenvolvemento da mobilidade da cidade e é un dos compromisos que adquiriu a actual alcaldesa durante a pasada campaña electoral.
Rey insistiu na necesidade de licitar esta obra que será decisiva para poder poñer en marcha durante o primeiro ano de mandato o plan de mobilidade e para articular o transporte público. Losada, pola súa banda, trasladoulle á alcadesa que o executivo de Pedro Sánchez, tal e como se comprometeu con ela, traballa arreo para licitar a obra da Estación Intermodal.
Inés Rey asegura que o delegado do Goberno transmitiulle que levan meses traballando desde o executivo central para sacar adiante estes grandes proxectos de cidade. "Quérolle agradecer a Javier o seu entusiasmo e o seu gran traballo para desatascar estes proxectos vitais para o crecemento da cidade e confío en que pronto poderemos anunciar a súa execución", apuntou Rey.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible