Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de maio de 2021

Inés Rey: “É unha prioridade darlle máis visibilidade ao deporte feminino”

A alcaldesa recibe en María Pita as xogadoras do Deportivo Liceo tras lograr o seu ascenso á primeira categoría do hóckey patíns.

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, recibiron esta mañá en María Pita as xogadoras do Deportivo Liceo tras lograr o ascenso á primeira categoría. O acto contou tamén coa presenza de Emilio Fernández, vicepresidente do Liceo, de Cristina Fernández, directiva responsable do equipo feminino, e de concelleiras e concelleiros da Corporación.  

Rey apuntou que a igualdade no deporte está cada día máis preto de ser unha realidade, "pero aínda temos moitos retos por diante". Por iso, dixo, o Goberno local seguirá traballando para "darlles máis visibilidade aos vosos logros e aos de todas as mulleres deportistas". Para Rey é necesario traballar máis o deporte base para facer canteira. lograr mellores patrocinadores e deixar de ter un papel secundario para coprotagonizar o mundo deportivo.

Rey expresoulles a súa satisfacción polo éxito acadado e felicitou o equipo "porque sodes un exemplo de como o traballo e a unidade vos levaron de volta á primeira categoría do hóckey feminino,  a un lugar en que estou segura de que chegades para quedarvos", e por saber transmitirlles ás rapazas valores tan importantes como a cooperación, o compromiso, a constancia, e o sacrificio. "Vós sodes un exemplo e un referente para todas as nenas que veñen detrás, que queren empezar a practicar calquera deporte e que queren chegar lonxe e competir en igualdade de oportunidades", dixo.

A alcaldesa destacou o traballo e dedicación das xogadoras "nun camiño difícil, pero que pagou a pena"  e subliñou que no deporte, como en todos os ámbitos da vida, as mulleres atopamos máis obstáculos e temos que traballar o dobre para sermos recoñecidas: "Temos que esforzarnos máis para sermos escoitadas e vistas. E iso é o que fixestes vós, traballar, estudar e adestrar para lograr a vosa meta: xogar coas mellores".

Durante o acto, tamén lembrou as xogadoras do Borbolla ás que lles dedicou un forte aplauso: "temos que felicitalas polo seu enorme traballo, que seguro as levará o vindeiro ano de regreso á primeira categoría".

E, por último, a alcaldesa animou as xogadoras a "seguir traballando e perseguindo os vosos soños porque estou segura de que imos vivir moitas tardes vibrantes co voso xogo".

Pola súa banda, a directiva responsable do equipo feminino, Cristina Fernández, agradeceulles ao Concello e á cidade todo o seu apoio e mostroulles ás xogadoras a súa admiración: "Sodes unhas loitadoras, déstelo todo na pista e fóra dela". Fernández explicou que o equipo é un orgullo para o club, consciente de que queda moito traballo por facer: "A Coruña afánase co hóckey e xuntos formamos un grande equipo", rematou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión