Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de febreiro de 2023

Inés Rey entrega a placa de Choqueira do Ano a Mercedes Sánchez 'Merceditas'

A alcaldesa destacou a traxectoria persoal de 'Merceditas', coñecida pola súa vinculación co mundo do entroido dende a infancia

A alcaldesa, Inés Rey, fíxolle entrega esta mañá da placa conmemorativa de Choqueira do Ano a Mercedes Sánchez, máis coñecida como Merceditas, rendéndolle homenaxe á súa traxectoria ligada ao mundo do Entroido. "Despois de 69 anos de traxes, perrucas, accesorios, vestidos, fíos e teas, 'Merceditas' terá hoxe o seu merecido recoñecemento como choqueira do ano e, ademais, recoñecémola no Entroido, posiblemente, máis feminino ata a data" explicou a alcaldesa, Inés Rey.

A rexedora lembrou que este ano o Concello da Coruña recuperou na celebración do Entroido citas como o xoves de Comadres, que tivo lugar onte en homenaxe a Isabel Zendal, así como o partido de fútbol feminino entre o Relámpago de Elviña e o Eirís que terá lugar o vindeiro martes 24 ás 12.00 h no campo municipal de fútbol Víctor Fernández Alonso, o antigo Leyma. "Dúas actividades que se suman a este nomeamento de 'Merceditas' como choqueira do ano, poñendo o acento na figura feminina no Entroido, mais tamén na plañideira por excelencia que, mesmo durante a pandemia, non deixou de sacar o seu disfrace de toreira, facéndolle fronte cunha actitude profundamente coruñesa" sinalou a rexedora.

Inés Rey rematou agradecendo ás comparsas e aos choqueiros e choqueiras o seu traballo para manter viva a tradición do Entroido coruñés. "Moitas grazas a todos os que facedes posible o Entroido coruñés así como a cada unha das persoas que saen ás rúas para divertirse, para facernos rir, esquecer o cotiá e celebrar esta festa tan especial para todos e todas nós" concluíu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión