18 de setembro de 2025
“O desequilibrio non se debe á falta de talento, senón a barreiras estruturais que seguen limitando o acceso das mulleres”
A alcaldesa, Inés Rey, participou esta tarde na inauguración do capítulo galego de Women in a Legal World (WLW), nun acto realizado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)que reuniu representantes das institucións xudiciais, da avogacía e do ámbito empresarial.
O programa incluíu a recepción de asistentes, a presentación oficial de WLW Galicia, a intervención de autoridades e un coloquio sobre os retos do liderado feminino no sector legal. Entre as intervencións estiveron as de Ignacio Picatoste (presidente do TSXG), María M. Pardo de Vera (WLW), Carolina González Chas (responsable de WLW Galicia), o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos López-Prado e a propia alcaldesa. Ao acto tamén asistiu a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa.
Na súa intervención, Inés Rey afirmou que "é un honor estar aquí, como alcaldesa, como avogada e como muller comprometida coa xustiza e coa igualdade, para inaugurar o capítulo galego de Women in a Legal World", e subliñou que este lanzamento "é unha declaración de intencións" para avanzar cara a un sistema legal máis inclusivo.
A rexedora destacou que "as mulleres representamos xa arredor do 57% da carreira xudicial en España e en Galicia esa porcentaxe ascende a máis do 60%". Porén, advertiu que "este desequilibrio non se debe a falta de talento, senón a barreiras estruturais que seguen limitando o acceso das mulleres... iso que chamamos teito de cristal".
Rey tamén fixo fincapé na conciliación como un dos principais atrancos para acceder a postos de responsabilidade, denunciando que "a conciliación non existe: as xornadas interminables e a falta de flexibilidade fan que moitas mulleres se cuestionen se poden -ou deben- aspirar a postos de responsabilidade".
A alcaldesa apelou á necesidade de políticas públicas que recoñezan o coidado e fomenten a corresponsabilidade, lembrando as palabras de Carmen Calvo: "Non hai democracia sen igualdade, porque é inxusta".
Finalmente, comprometeu o apoio do Goberno municipal á nova etapa de WLW en Galici e asegurou que "podedes contar comigo, co meu Goberno para o que precisedes, e oxalá este sexa o comezo dunha nova etapa na que as mulleres non só sexan maioría na base, senón tamén na cima".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible