23 de marzo de 2025
A alcaldesa participou no acto inaugural do evento, que se celebra ata o martes en ExpoCoruña
A alcaldesa, Inés Rey, participou esta mañá o acto inaugural do Galicia Fórum Gastronómico. O evento, que espera superar os 25.000 asistentes nesta décima edición, desenvolverase en ExpoCoruña ata o martes, con máis de 200 expositores e empresas e a participación de 27 estrelas Michelin: "Todo o que temos hoxe, mañá e pasado aquí é grazas ao traballo de cociñeiros e cociñeiras, pero tamén de produtores, comerciantes, traballadores do campo e mar que cada día fannos chegar o mellor da terra ao prato", destacou Inés Rey, que puxo en valor a colaboración das diferentes administracións para facer deste "un dos mellores eventos do ano en Galicia".
Ademais da alcaldesa, interviñeron o conselleiro do Mar, Alfonso Villares; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o director de Trade Marketing & RRPP de Hijos de Rivera, Manel Piñón, o director de programa de Galicia Fórum Gastronómico, Pep Palau, e a directora de Galicia Fórum Gastronómico, Ana Trevisani. "O Galicia Fórum Gastronómico é o mellor escaparate posible para o talento culinario da Coruña e de Galicia", apuntou Inés Rey.
Logo da apertura, a rexedora e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, achegáronse a diversos postos locais. O evento contará estes días con figuras de talla mundial como Joan Roca, Elena Arzak, Marcos Morán, Rita Magro, Ricard Camarena, Lucía Freitas, Kanji Kobayashi, Marsia Taha ou Javier Olleros, entre moitos outros.
Toda a programación pode ser consultada en www.galiciaforumgastronomico.com.
30 de xaneiro de 2025
21 de xaneiro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible