Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de maio de 2025

Inés Rey: “O título de Liga foi un dos días máis importantes da historia da Coruña”

A alcaldesa visitou a mostra fotográfica do Obelisco, primeiro dos actos que conmemoran o 25 aniversario da consecución do título

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá a mostra fotográfica que conmemora no Obelisco o 25 aniversario da consecución do título de Liga do Deportivo. Esta exposición, aberta á cidadanía ata o 30 de maio, da inicio aos actos 'O mellor que me pasou na vida. 25 aniversario do campionato de liga do R.C. Deportivo', uns festexos organizados pola plataforma O mellor que me pasou na vida, integrada por distintos colectivos de afeccionados do Deportivo, que contan co apoio do Concello.

"O título de Liga foi un dos días máis importantes da historia da Coruña, unha xesta única que compre celebrar por todo o alto neste 25 aniversario", indicou a alcaldesa. A exposición fotográfica consta de 26 imaxes cedidas polos fotoxornalistas Mero Barral e Jesús Sancho, que seguiron ao equipo branquiazul naquela histórica temporada. Son imaxes cun gran valor sentimental e simbólico, capturadas os días 19 e 20 de maio do 2000, que "amosan o xúbilo e o éxtase de toda unha cidade", indicou a alcaldesa, que estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e o comisario da exposición, o xornalista Javier Guillén.

Ademais, tamén hai 12 portadas de xornais, tanto galegos como nacionais e internacionais, que exemplifican o nivel da fazaña lograda polo equipo con aquela Liga. Tamén se inclúe un espazo de agradecemento a todos os xogadores, directivos, corpo técnico e empregados do club daquela tempada. "Animo á cidadanía a lembrar nesta mostra aqueles días tan felices para os coruñeses e deportivistas de todo o mundo", indicou Inés Rey.

O resto das celebracións

A conmemoración do 25 aniversario do título de Liga do Deportivo continuará durante os vindeiros días na cidade cunha serie de actos promovidos por colectivos deportivistas, e que contan co apoio do Concello. O venres 23 celebrarase no auditorio do Centro Sociocultural Ágora unha charla-proxección e a presentación do libro 'O mellor que me pasou na vida'. Trátase dun encontro único xunto a xogadores, directivos, traballadores do club e seareiros que compartirán en primeira persoa os recordos e emocións da tempada do título.

Durante este acto presentarase tamén o libro "O mellor que me pasou na vida", unha compilación de relatos de xogadores coma Scaloni, Djalminha, Makaay ou Fran; xornalistas coma Óscar Benito, Moncho Viña ou Nacho Carretero; ou unha entrevista a Guillermo, do grupo La Mosca Tsé-Tsé, que contan como viviron este fito histórico.

O acto central, o sábado con actuación de La Mosca Tsé-Tsé

O acto central desta celebración terá lugar o sábado 24 a partir das 12.00 horas na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor, cunha xornada deportivista na que haberá polbeira, foodtrucks, xogos tradicionais para os máis pequenos, torneo de futbolín, monólogos, material exclusivo... ademais o humor e o deportivismo xuntaranse nesta ocasión da man de Roi da Costa e o espectáculo de 'Depor Locura'. Durante a xornada o deportivismo terá a posibilidade de fotografarse coa réplica da Copa de Liga, cedida para a ocasión polo club.

O gran peche da semana contará coa actuación estelar de La Mosca Tsé-Tsé (a partir das 22.00 horas), intérpretes do himno espontáneo da celebración ligueira: "Yo te quiero dar", que volverá soar na cidade 25 anos despois. Xunto a eles, un cartel formado integramente por artistas deportivistas, orgullosos da súa pertenza á familia branquiazul: Orquesta Bravú Xangai, La Banda del Camión, Mar de Fondo, Kike Varela e la Yaya DJ.

Toda a información e o programa completo dos distintos actos pódese consultar en www.omellorquemepasounavida.com.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión