31 de marzo de 2023
A gala do Festival Intercentros 2023, en beneficio da Fundación Amigó e Entreculturas, celebrouse esta tarde no Coliseum da Coruña con preto de mil escolares como protagonistas das coreografías e festexos
O Coliseum da Coruña acolleu esta tarde, desde as 17.00 horas, a XXI edición do Festival Intercentros, no que tomaron parte unha trintena de centros educativos da Coruña, con preto de mil escolares como protagonistas desta xornada festivo-benéfica. Este ano, a recadación vai destinada á Fundación Amigó e a Entreculturas, "co obxectivo de axudar ás persoas que menos teñen", apuntou a alcaldesa, Inés Rey.
A rexedora puxo en valor o traballo promovido desde a Asociación Cultural Festival Intercentros, así como a de Rodrigo Hidalgo, coordinador e responsable do festival, no que rapazas e rapaces pertencentes aos centros educativos da cidade interpretan, durante algo máis de tres horas, diversos espectáculos coreografiados sobre as táboas. "Xa son 21 edicións de Intercentros. É un pracer poder ver a tantos e tantas mozos e mozas amosando no escenario todo o que van aprendendo durante meses e anos, con moito esforzo tras de si", subliñou Inés Rey.
Ademais, a celebración desta tarde no Coliseum contou coa participación de diversas academias de música e baile da cidade, como Danza10, Artestudio, Presto Vivace, Danzarte, Danzade e Bee Dance G.
Cada persoa asistente á gala benéfica anual celebrada esta tarde contribuíu a causa solidaria en apoio da Fundación Amigó e Entreculturas, co respectivo abono da entrada e a aportación dun quilo de alimentos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible