Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de maio de 2025

Inés Rey pon en valor a posición de futuro da Coruña como punto de confluencia das investigacións en medicina e as novas tecnoloxías

A alcaldesa participou esta mañá no acto de apertura do 63º. Congreso da Sociedad Española de Rehabilitación y Medicina Física, inaugurado no Palexco

A alcaldesa, Inés Rey, destacou hoxe que A Coruña conta cos vimbios necesarios para ser o punto de confluencia das investigacións en medicina e as novas tecnoloxías, "fundamentais para o desenvolvemento de novos avances que se poidan aplicar, por exemplo, na mellora dos prognósticos funcionais dos pacientes".

Así o afirmou a rexedora no acto de apertura do Congreso da Sociedad Española de Rehabilitación y Medicina Física (SERMEF), que este ano chega á súa 63ª. edición, co Palexco abrindo as súas portas ás e aos profesionais sanitarios ata este sábado 30.

Neste sentido, Rey subliñou que a cidade está a dar pasos clave "para contar coas infraestruturas sanitarias que, entendemos, precisarán tanto A Coruña como a súa área metropolitana no futuro próximo". É o caso do Novo CHUAC, coas obras nos accesos xa en marcha, e tamén equipamentos como o centro de saúde de Santa Lucía, que conta xa cun convenio autorizado para posibilitar a posta en marcha dos traballos este ano.

"Todo isto, sumado ao traballo que se desenvolve no INIBIC e cos avances en materia de IA que impulsarán a AESIA e a Cidade das TIC, reforza a nosa perspectiva de que A Coruña ten e terá unha posición privilexiada para que os eidos da medicina e as novas tecnoloxías atopen aquí o seu punto de encontro", explicou Rey.

A este respecto, a alcaldesa tamén recalcou a posición do Concello con respecto ao plan de estudos da Universidade da Coruña, que reclama a docencia en Medicina no campus da cidade e que se poida impartir desde o curso 2027-28.

"Hai demanda laboral neste sentido, tamén de formación en novas especialidades, e, ademais, o Novo CHUAC esixirá máis profesionais e dar resposta tamén ao relevo xeracional futuro. Por iso, A Coruña debe contar con Medicina no plan de estudos da súa universidade", concretou. 

No acto de apertura, ademais da alcaldesa, participaron a presidenta da SERMEF, Helena Bascuñana; o representante do comité local da SERMEF, Miguel Alonso; o reitor da UDC, Ricardo Cao Abad; e o director asistencial da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Alejandro Ávila Álvarez.

Susana Rodríguez Gacio, protagonista da clausura do congreso

A clausura do congreso, que terá lugar este venres 30 ás 17.00 horas, contará coa participación da galega Susana Rodríguez Gacio, médica rehabilitadora e campioa paralímpica, que compartirá a súa inspiradora historia de superación co público asistente.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión