Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de marzo de 2023

Inés Rey presenta o Plan de Igualdade no Deporte coruñés, un traballo pioneiro en España

A alcaldesa presidiu a presentación dos resultados dun estudo no que se implicaron todas as entidades e asociacións deportivas da cidade

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a presentación dos resultados do primeiro Plan de Igualdade no Deporte da Coruña, un estudo pioneiro a nivel nacional que ten como obxectivo facer un diagnóstico cualitativo e cuantitativo da situación da muller no deporte local. Este traballo foi elaborado pola mesa da Igualdade do Consello Municipal do Deporte, que preside a rexedora.

"Non hai ningún organismo na cidade, nin público nin privado, que levase a cabo unha investigación tan minuciosa sobre o estado da muller no eido deportivo", sinalou Inés Rey durante o acto de presentación celebrado no Centro Sociocultural Ágora, onde estaban convocados todas as entidades deportivas da cidade. O Plan de Igualdade, coordinado por Montserrat Vale en colaboración con María Vázquez e Mar Barcón, sinala que o deporte é unha área prioritaria de intervención nas políticas de igualdade. Para a súa elaboración levouse a cabo un proceso participativo que incluíu a recollida de datos das diferentes federacións, que amosa unha notable diferenza de xéneros, cunha presenza maioritaria de licenzas masculinas na meirande parte dos deportes que se practican na cidade.

A alcaldesa quixo destacar positivamente o papel das Escolas Deportivas Municipais, que contan cunha presenza maioritaria de mulleres, de case o 75%, e que o 50% das bolsas a deportistas do Concello concedéronse a mulleres. Por outra banda, o estudo tamén recolle datos de 12 enquisas diferentes realizadas a 900 persoas, das que 550 foron deportistas e 130 persoal técnico. Tamén participaron outros colectivos como estudantes, xornalistas, federacións e participantes das Escolas Deportivas. Tamén se recollen os resultados das mesas de participación celebradas durante a campaña municipal polo 25N, cando participaron deportistas de élite, persoal técnico, clubs e xornalistas locais.

Os resultados amosan que hai avances en materia de igualdade pero continúa a haber unha situación desigual no deporte coruñés. "Desde o Concello da Coruña continuaremos impulsando políticas que busquen rachar eses teitos de cristal que seguen inexpugnables no eido deportivo e seguiremos a fomentar a participación feminina desde os colexios con plans como 'Máis rápidas, máis altas, máis fortes', que está a ter un enorme éxito de participación", sinalou a rexedora. Inés Rey agradeceu o compromiso das entidades coa igualdade e sinalou que grazas a este Plan poderase trazar unha folla de ruta para acadar esa igualdade efectiva.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión