Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de novembro de 2022

Inés Rey rende homenaxe en Todos os Santos a todas aquelas persoas que desde A Coruña axudaron a formar ao xenio da pintura Pablo Picasso

A alcaldesa recordou tamén na tradicional ofrenda aos milleiros de mestres e mestras que educaron xeracións de coruñeses e coruñesas e fixeron da Coruña unha mellor cidade

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu hoxe a tradicional ofrenda floral de Todos os Santos en Santo Amaro. A rexedora, que estivo acompañada por membros da corporación, fixo a primeira parada diante da Cruz dos Esquecidos, onde a coral Follas Novas interpretou dous temas. 

"Cúmprense o ano que vén 50 anos da morte dun xenio, Pablo Ruíz Picasso, un artista que viviu na nosa cidade e que dela levou unha formación e unhas vivencias esenciais para configurar o que chegaría a ser", dixo a alcaldesa. "Descansan neste cemiterio Isidoro Brocos, profesor de Picasso na Escola de Belas Artes da Coruña e unha grande influencia na súa formación, como descansa aquí tamén Gumersindo Pardo Reguera, farmacéutico mais tamén pintor, pai do mellor amigo e compañeiro de Picasso na Coruña, Antonio, e tamén unha importante influencia coa súa temática na formación do pintor", explicou a rexedora coruñesa. "Os dous fican no noso recordo, como fican tamén outros moitos cuxo lugar de descanso non é posible hoxe precisar. Conchita Ruiz Picasso, irmá do pintor, arrebatada pola difteria aos sete anos de idade, xace aquí, como tamén Ramón Pérez Costales, mecenas e amigo, e Román Navarro, mestre tamén do xenio na Escola de Belas Artes", dixo.

A alcaldesa lembrou que todos eles foron persoeiros esenciais na formación do xenio da pintura, mais tamén na súa configuración como persoa, xa que sempre levou na súa obra e na súa vida unha fonda pegada do seu paso pola cidade. 

Ademais, Inés Rey quixo facer extensiva a súa homenaxe a todas aquelas persoas dedicadas ao ensino que formaron moitas xeracións de coruñeses e coruñesas: "Quero hoxe recordar tamén todos aqueles milleiros de mestres e profesoras que moitas veces en condicións difíciles e mesmo poñendo en risco as súas vidas e as súas profesións, contribuíron co seu traballo a que xeracións e xeracións de coruñesas e coruñeses accedesen a unha cultura, a uns valores e a unha cualificación profesional doutro xeito inalcanzables", valorou a alcaldesa, quen insistiu na importancia das e dos educadores na evolución da Coruña: "A todos eses mestres e mestras, das que tamén hai grandes exemplos neste cemiterio como a recordada María Barbeito, estendemos a nosa homenaxe e o noso agradecemento por nos teren feito mellores persoas e a esta cidade, unha cidade mellor", destacou. 

A alcaldesa, acompañada pola directora do Eusebio da Guarda, Isabel Ruso (cuxo centro foi sede da antiga Escola de Belas Artes na que estudou Pablo Picasso), deixou un ramo de flores diante da tumba de Isidoro Brocos, mestre do artista na devandita escola na Coruña. Acompañada por Ignacio Pardo, descendente de Gumersindo Pardo Reguera, tamén deixou un ramo diante da tumba deste, quen fora pintor e inspirador de Picasso e pai do seu mellor amigo e compañeiro na escola da Coruña, Antonio Pardo.

Finalmente, Inés Rey rendeu homenaxe tamén diante do monumento aos Mortos pola Liberdade.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión