Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de abril de 2025

Inés Rey, sobre a remodelación dos Cantóns: “Esta actuación abre a porta á integración do porto na cidade, mellorando a calidade urbana dun espazo emblemático”

A alcaldesa, acompañada hoxe polo equipo redactor do proxecto e polo director da obra, detallou as liñas maestras do plan de actuacións nun encontro informativo aberto á cidadanía, celebrado no Work Café Santander

Case un cento de persoas asistiron hoxe ao encontro informativo sobre as obras de remodelación dos Cantóns, un acto aberto á cidadanía organizado polo Concello co obxectivo de expor a folla de ruta para os vindeiros vinte meses, prazo de execución marcado para concretar as intervencións previstas entre a praza de Mina e a Autoridade Portuaria.

A alcaldesa, Inés Rey, abriu o encontro lembrando que a finalidade da reurbanización dos Cantóns é "prestixiar a sala de estar, o punto de encontro de todas e todos os coruñeses", completando así unha actuación provisional que se desenvolveu no contexto da pandemia, cando se incrementou a superficie peonil dispoñible para dar cumprimento á normativa sanitaria vixente por aquel entón, en materia de distanciamento e seguridade.

Aquela medida abriu camiño ao proxecto de remodelación dos Cantóns, unha obra na que se levará a cabo un investimento de case oito millóns de euros e que, tal e como recalcou Rey, "tamén abrirá a porta á integración do porto e a cidade, mellorando a calidade urbana dun espazo emblemático".

Indo ao detalle polo miúdo, a reurbanización dos Cantóns aportará 9.500 metros cuadrados de uso peonil e mellorará notablemente a accesibilidade de toda a rúa "comezando polo parking dos Cantóns, no que se instalará un ascensor". Ademais, o percorrido de carril bici que vai en paralelo aos xardíns de Méndez Núñez será mellorado e ampliado para que sexa bidireccional, e conectará co percorrido entre a rúa Nova e o Paseo Marítimo.

Por outra banda, acometerase a peonalización de Entrexardíns, unha medida que permitirá recuperar o vínculo da cidade co porto e tamén que os Xardíns de Méndez Núñez volvan a estar unidos cunha continuidade peonil entre os seus espazos naturais e a explanada contigua ao Palco da Música, abrindo á cidadanía un corredor central aos peiraos de Batería e Calvo Sotelo.

No acto desta tarde tamén participaron Xosé Manuel Vázquez Mosquera e Carmen Calatayud, integrantes do equipo redactor do proxecto, e Javier Vázquez, director da obra.

Vázquez precisou que ao longo destes días xa foron visibles as primeiras actuacións, coa demolición da medianeira entre o Obelisco e o Teatro Colón, e tamén cos traballos para renovar o firme no treito máis próximo á avenida da Marina, que se prolongarán durante cinco semanas.

Son os primeros pasos do plan de obra previsto, que, tal e como recalcou a alcaldesa, está concibido para que o seu impacto en termos de mobilidade sexa o mínimo posible. "Gustaríame pedir á cidadanía paciencia e comprensión cunha obra que, como todas, ocasionará molestias, pero que estamos a facer con todo o cariño e con total transparencia e información, para que éstas sexan as menos posibles", expresou Rey.

A alcaldesa rematou a súa intervención facendo un chamamento á tranquilidade, dado que a remodelación dos Cantóns non limitará o acceso de vehículos ao centro, xa que as restriccións a futuro seguirán sendo practicamente as mesmas que na actualidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión