1 de setembro de 2026
A produción, de Leoš Janáček, representarase os días 17 e 19 de setembro no Palacio da Ópera
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asistiu hoxe ao ensaio de 'Jenůfa', a produción que abrirá a 74ª Tempada Lírica de Amigos de la Ópera, unha das citas culturais máis destacadas do calendario coruñés. A obra, composta por Leoš Janáček, poderá verse os días 17 e 19 de setembro no Palacio da Ópera.
Durante a visita ao Fogar de Santa Margarida, onde se están a producir os ensaios, a alcaldesa puido coñecer de primeira man os preparativos dunha produción que contará cun papel destacado da Orquestra Sinfónica de Galicia e do Coro Gaos, dous dos referentes musicais da cidade que participarán nesta apertura da tempada.
Inés Rey destacou a importancia da Tempada Lírica para a vida cultural da Coruña e o traballo desenvolvido por Amigos de la Ópera ao longo das súas máis de sete décadas de historia. "Falamos dunha institución fundamental para a nosa cidade, que converte A Coruña nun referente da lírica dentro e fóra de Galicia e que segue ofrecendo cada ano propostas artísticas da máxima calidade", sinalou a rexedora.
O Concello da Coruña mantén o seu apoio á programación de Amigos de la Ópera, que nesta edición incluirá tamén a representación de 'Tosca', de Giacomo Puccini, así como un ciclo de lírica inclusiva e diversas actividades orientadas ao público infantil. A apertura da tempada con 'Jenůfa' supón o inicio dun novo curso lírico no que a cidade volverá reunir artistas, formacións e producións de primeiro nivel, consolidando o seu papel como unha das grandes capitais da música clásica e operística do noroeste peninsular.
Sobre 'Jenůfa'
A produción de 'Jenůfa', ópera de Leoš Janáček, poderá verse no Palacio da Ópera os días 17 e 19 de setembro, sendo a primeira vez que este título se representa en Galicia. A obra abrirá a 74ª Tempada Lírica de Amigos de la Ópera e converterá A Coruña na cuarta cidade española en acoller esta composición estreada orixinalmente en Brno en 1904.
A montaxe, dirixida escenicamente por Emiliano Suárez, traslada a acción á América profunda dos anos cincuenta, recreando un universo visual marcado por elementos icónicos da época, como unha gasolineira e a estética da sociedade norteamericana de posguerra. A historia aborda cuestións como os prexuízos, os conflitos familiares, a violencia, a culpa e o perdón a través das personaxes de Jenůfa, Kostelnička, Laca e Števa.
A produción contará cunha escenografía de Alfons Flores, vestiario de Ana Garay e iluminación de Luis Perdiguero, ademais da participación da Orquestra Sinfónica de Galicia, do Coro Gaos e dun amplo elenco artístico e técnico que reúne preto de 200 profesionais.
A programación arredor de 'Jenůfa' inclúe tamén actividades paralelas como a reedición do cómic inspirado na ópera, realizada en colaboración con Viñetas desde o Atlántico, e unha conferencia divulgativa a cargo de Julián Jesús Pérez o día 16 de setembro en Afundación.

14 de agosto de 2026

12 de agosto de 2026

11 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible