Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de setembro de 2015

José Manuel Sande cualifica Somos Mar como unha mostra apoiada na vangarda e na creación local

O concelleiro de Culturas e Coñecemento presentou a programación paralela á exposición na que participarán Xurxo Souto, Aldaolado, Celso Sanmartín e traballadoras do mar

O Concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a mostra “Somos Mar”. A exhibición, enmarcada no Festival Mar de Mares é un traballo que xira arredor do mar realizado por oito artistas de Galicia e que tivo lugar durante unha semana a través dunha residencia na sala de exposicións de Palexco. O edil destacou a mostra como “aberta, apoiada na vangarda e creación local”, facendo fincapé no “proceso participativo” da exhibición “a través do encontro-obradoiro co público”  nos últimos sete días.

Susana Sanromán, Alejandra Sampedro, Nando Lestón, Sekone, Sara Coleman, Sandra M.G, María José Arceo e Félix Fernández amosarán até o 29 de novembro creacións realizadas desde o pasado mércores na mesma sala co mar como denominador común. “A exposición é coma un pequeno mar creativo que naceu dentro das paredes desta sala”, destacou Luis Cousillas, o coordinador da mostra, quen explicou que un dos obxectivos da organización “foi rachar coas fronteiras entre o público e artistas”, xa que a veciñanza puido “falar, preguntar e colaborar nas obras do grupo”.

Na presentación de Somos Mar o concelleiro de Culturas tamén adiantou que a exposición contará cunha programación paralela, “lúdica e didáctica”, que se desenvolverá desde hoxe e até o domingo, 4 de outubro. Celebra Somos Mar é unha serie de encontros “que amosan a idea do mar vinculado á cidade”, sinalou Sande. Artistas como Xurxo Souto, Aldaolado ou Celso Sanmartín presentarán “proxectos vinculados á tradición oral, á perspectiva poética e literaria e da creación próxima ao mar”, afirmou o responsable de Culturas, ademais de achegar á cidadanía o traballo de redeiras e mariscadoras ou de Hábitat Social, “un colectivo de intervención cartográfica e física na cidade”. Esta vinculación entre as e os  integrantes dos encontros “é a liña que define o Festival Mar de Mares”, explicou o concelleiro, “unha combinación estimulante de actividades que comprende as interaccións do mundo de hoxe e vai máis aló do feito creativo”.

Os encontros Celebra Somos Mar terán lugar no mesmo espazo expositivo todos os días ás 20.00 horas. O colectivo Hábitat Social presentará esta mesma tarde o proxecto Coruña (sub)mariña, unha cartografía mariñeira física e virtual da cidade con lugares representativos pola súa vinculación ao mar. O xoves, 1 de outubro, Celso Sanmartín presentará a súa obra “Casa do mar”, unha narración oral. Na tarde do venres María Lado e Lucía Aldao, Aldaolado, presentarán unha versión mariñeira do seu espectáculo Sempre en Ibiza no que misturan poesía, música e humor. O sábado, 3 de outubro o músico Xurxo Souto, a mariscadora Lola Bermúdez e a redeira Rosa Rodríguez falarán do traballo no mar. Celebra Somos Mar pechará a programación cun concerto da banda 2US, formada por integrantes de Os Crebinski, o domingo 4 de outubro.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión