27 de abril de 2016
O Teatro Rosalía Castro acollerá o vindeiro 5 de maio a gala da sexta edición dos premios, que este ano renden homenaxe ás figuras de Manuel María e Irmandades da Fala
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a sexta edición do Certame Curtas para Rosalía, o concurso de curtametraxes relacionados coa literatura galega e cuxa gala de entrega de premios terá lugar o vindeiro 5 de maio no Teatro Rosalía Castro. O certame, organizado pola Asociación socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), naceu no 2010 á fin de celebrar os 125 anos do falecemento de Rosalía de Castro, feito que o concelleiro cualificou como “afortunado” ao vincular “dúas facetas clave do desenvolvemento artístico e cultural galego como son o cine e a literatura”. O concurso ampliou estes seis anos a temática e nesta edición, ademais de premiar ao mellor traballo dos recibidos, céntrase en dous efemérides vencelladas á cidade da Coruña, como é a celebración do Día dos Letras Galegas, dedicadas este ano a escritor Manuel María, e o centenario das Irmandades da Fala. Sande salientou “a riqueza e a pluraridade artística da cultura galega” ao referise á variedade da produción presentada no certame ao longo deste tempo, “sendo traballos moi variados, desde as adaptacións literarias de Rosalía até vertentes como a videopoesía ou máis narrativos e de corte documental, pero sempre vinculados á literatura galega”.
A gala de entrega de premios celebrarase o vindeiro xoves, 5 de maio, ás 20.00 horas no Teatro Rosalía Castro. Na cerimonia, que contará coa actuación do músico Davide Salvado e a súa banda, proxectaranse todas as curtas finalistas. O xurado, formado polo edil de Culturas, José Manuel Sande, a actriz Isabel Naveira e o guionista Raúl Veiga, escolleu sete curtametraxes entre as vinte recibidas coma finalistas nas tres categorías desta edición. Así, na modalidade Manuel María, na que participan obras cuxa temática se centre, interprete ou explore a obra do escritor chairego, competirán as obras Choiva, de Denisse Lozano Hermida; Canción da hora na que ladran os cás, de Millán Castro Vilariño; e Telexornal Manuel María, de Luís López Aldegunde. Na categoría Irmandades da Fala, cuxa temática pode centrarse no grupo ou algúns dos seus membros, tendo que abordar necesariamente a práctica literaria do idioma, opta ao galardón Mira a miña pel, de Pablo Kaufmann e Miriam Rodríguez. Finalmente, tres traballos aspiran ao premio de Mellor Curta do VI Certame: Adiós Soidá, de Fran X. Rodríguez, O espantallo amigo, de Carlos Seijo, e O prezo da dote, de Chus Domínguez.
Na entrega de premios, que terá lugar despois da exhibición dos traballos, participarán José Manuel Sande, Saleta Goi -viúva de Manuel María- e Xoán Costa, presidente da AS-PG, quen acompañou ao edil na presentación desta mañá no Pazo de María Pita. Na súa intervención, Costa destacou o valor do certame “para a promoción” de novas e novos creadores “e da historia cinematográfica de Galicia”, así coma para amosar que o audiovisual galego “é posible e ten futuro”.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible