26 de outubro de 2015
O responsable de Culturas destacou o elenco espectacular e de procedencia variada do programa de seminarios e conferencias que terá lugar na Fundación Luis Seoane e o auditorio de Expo Coruña os días 20 e 21 de novembro
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a nova edición do Foro de Deseño FEED 2015, organizado pola Asociación Galega de Deseñadores (DAG) e que s edesenvolverá os días 20 e 21 de novembro na Fundación Luis Seoane e no auditorio de Expo Coruña. FEED quere dar a coñecer o traballo das e dos profesionais do deseño de ámbito local e internacional en Galicia posibilitando o intercambio de experiencias con estudantes. Sande destacou que as xornadas, “unha mistura entre arte, tecnoloxía, economía e creatividade” van mais aló do feito cultural e que era “absolutamente necesaria” a implicación por parte do Concello nas mesmas polo apoio “á creación local con vistas cosmopolitas e necesarias cara o estatal e internacional” e para reparar “o agravio” que o deseño e a ilustración recibiron “na historia das artes modernas”. “Xornadas como estas cubren o baleiro que tantas veces destacamos”, afirmou o concelleiro, quen lembrou que “o Concello está comprometido” coas artes a través de CIDEA, “entendido como o conxunto de actividades relacionadas co sector que lexitima outras vertentes artísticas e culturais, como o cómic e deseño gráfico”, resaltou Sande, “non como a operación urbanística da etapa anterior”.
O responsable de Culturas quixo destacar o “elenco espectacular e de procedencia variada” do programa de seminarios e conferencias que, durante dous días, contará co italiano Massimo Menichelli, coñecido polo seu traballo en código aberto, ou con profesionais de Galicia como Pepe Barro, Marta Verde, Alvaro Valiño ou Óscar Otero. Nesta mesma liña, o presidente da DAG, Suso Vázquez, destacou a “altísima calidade” do sector do deseño na comunidade, e salientou a relevancia do FEED “ao cubrir un importante baleiro” na rexión , xa que até a súa creación “non existía un evento en Galicia onde poder amosar as investigacións e traballos en deseño” no que participasen “profesionais locais e de fóra”.
As entradas para asistir ao Foro de Deseño 2015 estarán á venda na páxina web da Asociación, www.dag.gal
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible