29 de xullo de 2016
O concelleiro de Culturas destacou que o evento editorial, que se celebrará do 1 ao 10 de agosto, exhibirá unha serie de fotografías da Coruña dos anos 20, “recuperando a memoria e lugares da cidade”
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou a 45ª edición da Feira do Libro da Coruña, que comezará o vindeiro 1 de agosto, coincidindo co inicio das Festas de María Pita, e permanecerá até o 10 de agosto nos Xardíns de Méndez Núñez. "É unha honra para a cidade contar cunha das feitas máis exitosas non só de Galicia, senón de todo o Estado", expresou o edil, quen salientou o carácter "tradicional e histórico" dunha "cita obrigada para para toda a cidadanía". Este ano, como novidade, a Feira reubicarase no paseo do tramo situado na avenida da Mariña e o Cantón Grande, entre as rúas Alcalde Manuel Casas e Entrexardíns, "para dotar de unidade e coherencia", segundo sinalou o concelleiro, á celebración, "ao coincidir no espazo, durante uns días, coas casetas do Salón do Cómic". Tamén se exhibirá na Feira a mostra A Coruña anos 20, un traballo de Alvarellos Editora en colaboración co Concello, na que se mostrarán por vez primeira ao público unha serie de 12 imaxes panorámicas da cidade tomadas polo fotógrafo Luciano Roisin nesta época, "que converxe coa mostra Abrindo Horizontes, que acolle ata este domingo o Kiosco Alfonso", especificou o responsable municipal, e dá continuidade "á liña pedagóxica de recuperación da memoria e lugares da cidade" posta en marcha pola súa área.
José Manuel Sande estivo acompañado por Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, así como por Nani Regueira, coordinadora xeral da Federación de Libreiros de Galicia. A responsable Feiras do Libro de Galicia salientou que a da Coruña "é a máis grande e exitosa" do país, e cifrou en 240.000 o número de visitantes que tivo o ano pasado, entre a Feria do Libro e a do Libro Antiguo, que este ano comezará o 15 de agosto e, como vén sendo habitual, tamén se situará nos Xardíns de Méndez Núñez. "O impacto da Feira do Libro da Coruña rompe as fronteiras non só locais, senón tamén de fóra de Galicia", incidiu Regueira, quen destacou que esta edición "recibiu numerosas solicitudes de librerías galegas para participar na feira" e que contará "con máis de 100 actividades entre coloquios, presentacións ou sinaturas", o que suporá, segundo especificou, "un 11% máis de eventos que na edición anterior". Tamén este ano aumentará a presencia de escritoras e escritores "nun 20%", segundo indicou a responsable da Federación de Libreiros de Galicia, quen avanzou que a Feira, para "acoller este incremento de actividade", instalará dúas carpas no interior dos Xardíns, unha dirixida ao público adulto e outra ao infantil, "á fin de reforzar o interese pola lectura" entre as e os máis novos, "e resaltar o alto nivel e consideración que ten o libro infantil galego a nivel internacional".
Ademais destas dúas carpas, a 45º edición da Feira do Libro contará con 35 casetas - 20 de librerías, 11 de editoriais e 4 institucionais -, polas que pasarán máis de 180 autoras e autores, "que participarán tanto en coloquios como outras manifestacións literarias", explicou Regueira, así como persoeiros do mundo editorial, "que avanzarán as últimas novidades do sector". Realizaranse tamén distintas actividades nas que a obra de Manuel María - autor homenaxeado nas Letras Galegas 2016 - estará presente, así como unha Manifestación atlántica, roteiro e recital de Balada de los martes del norte, de Urbano Lugrís, que será o día 3 de agosto.
A Feira comezará o luns 1 ás 12.00 horas, coa inauguración á que asistirá o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e que contará coa actuación do grupo Cantares Gallegos e a tradicional lectura do pregón, a cargo David Pintor e Carlos López, Pinto e Chinto. Poderá visitarse todos os días de 11.00 a 14.00 horas - agás nos festivos, que se prolongará 30 minutos máis, tendo o peche será ás 14.30 horas - e de 18.00 a 22.00 horas. Ao final de cada xornada, como vén sendo habitual, haberá un sorteo dun lote de libros entre todas as persoas que, ao longo do día, adquiran exemplares nas casetas, que este ano tamén terán un 10% de desconto.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible