Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de outubro de 2016

José Manuel Sande presenta o VIII FKM Festival de Cinema Fantástico, "un encontro ambicioso que cada vez alcanza máis públicos" e que comezará o próximo luns 24 de outubro

O edil salientou “o crecemento e a profesionalización” do evento, en relación aos seus inicios “en espazos sociais ocupados” e que agora “enlaza perfectamente coas propostas municipais”

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou esta mañá na presentación da oitava edición do FKM Festival de Cinema Fantástico da Coruña, que se desenvolverá entre os días 24 e 31 de outubro. Por vez primeira o encontro especializado en cine fantástico e de terror ofrecerá unha semana enteira de programación con ponencias, obradoiros e proxeccións. O edil salientou a "sana ambición" dun festival "que está a experimentar un importante crecemento" nos últimos anos, "de cara a súa profesionalización". "O FKM crece mantendo a súa frescura inicial, en espazos sociais ocupados e outros lugares lúdicos da cidade, ata enlazar perfectamente coa programación das institucións públicas", dixo Sande, quen atribuíu esta posta en valor e recoñecemento da súa relevancia "á suma produtiva de diversos elementos e ámbitos creativos, cun compoñente lúdico", ademais das mesas redondas e obradoiros "que incorporaron o necesario espazo para a reflexión e análise, conectando así co mundo profesional". "Na Coruña temos a excepcionalidade de contar con festivais de corte especializado que cada vez presentan propostas máis atractivas e alcanzan, deste xeito, máis públicos", afirmou o responsable municipal.

O concelleiro estivo acompañado na presentación pola directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira, que repite como sede nesta edición --que tamén acollerá o centro Ágora o sábado 29-- e na que se pode ver a exposición Bella Muerte, de Emma Ríos; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o responsable do CGAI, Guillermo Escrigas, e a dirección do Festival, María Núñez e Tonecho Otero. Núñez destacou que esta edición estará dedicada á ciencia ficción e será "unha homenaxe póstuma" a Herschell Gordon Lewis, convidado estrela desta edición "e que faleceu hai dúas semanas". "Aínda así, contaremos coa presenza do seu produtor, Jimmy Malson", sinalou.

O festival comezará o luns 24 na Fundación Luis Seoane coa xa tradicional Video Regueifa, que contará nesta ocasión con Manel Cráneo e John Tones, e ao longo da semana mostrará unha programación ateigada de presentacións, mesas redondas e curtas, que participarán tanto nos concursos internacionais Ópera Prima coma no de Curtametraxes, para o que se seleccionaron 20 entre os máis de 500 traballos recibidos.

Entre as proxeccións que tamén poderán verse nesta VIII edición, destacan traballos como Decorado, de Alberto Vázquez, Los viajes de Pichük, de Manel Cráneo e Paco Cuesta, ou Einstein-Rosen, de Olga Ossorio, ademais de "dúas obras emblemáticas da ciencia ficción", sinalou Núñez: Ikarie XB-1, que vén de proxectarse no Festival de Cannes, e Things to come. As distintas sesións e actividades, completaranse o luns 31 coa xa coñecida Zombiewalk, que partirá ás 21.30 horas do Obelisco, e unha "gran festa mortal", segundo definiu a responsable do Festvail, nun local de ocio coruñés.

Como novidade, este ano porase en marcha o I Concurso Internacional de Guión Curtametraxes, destinado a fomentar as producións de xénero fantástico terror e ciencia ficción escritas en galego. Para máis información, pode visitarse a páxina web www.fkmcine.org


 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión