8 de maio de 2018
O responsable da área de Culturas cualifica como “plural e rica” a programación do festival, que entre o 25 de maio e o 3 de xuño abordará o traballo de figuras como Ernie Gehr, Scott Stark ou Phil Hoffman, quen ofrecerá un obradoiro de cinema artesanal na Coruña
A Mostra de Cinema Periférico ofrecerá, na súa gala de inauguración, a ópera-oratoiro ‘A Paixón de Xoana de Arco’, sinalada como ‘obra mestra’ do sector e que contará coa participación do Coro e Orquestra Gaos
A Coruña acollerá entre o 25 de maio e o 3 de xuño a IX edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou esta mañá na presentación da programación, que abrangue, como é habitual neste evento, proxeccións, encontros profesionais, propostas didácticas e obradoiros, e que, como sinalou o edil, "dá conta da grandeza da iniciativa non só para a cidade, senón para as institucións, sector profesional e público asistente". "O que acontece coa vangarda é que o acto require coñecemento. Non é só romper co legado, senón que, cando se fai a obra, esta leva consigo toda unha tradición. E parte desa riqueza da vangarda, e da que fai gala o (S8), é a que se viviu nas pasadas edicións, que hoxe dota a Mostra dun carácter insólito non só a nivel estatal, senón tamén internacional", aseverou o edil coruñés, quen definiu como "ampla, inxente e rica" a programación desta edición. En concreto, Sande valourou o recoñecemento á organización Canyon Cinema, que vén de celebrar o seu 50º aniversario, así como á figura da galega María Ruído, que se reivindica a través da exposición Le paradis, inaugurada o 21 de abril na Fundación Luis Seoane, e o ciclo La imagen que piensa, que abrangue parte da súa produción audiovisual e que culminará coa estrea de Mater amatísima. No marco da sección do (S8) que programa a obra galega máis recente, Sinais, tamén terá lugar a proxección do traballo Fogos, do director dos Museos Científicos Coruñes, Marcos Pérez, e de Martín Pawley.
O concelleiro de Culturas interveu nunha presentación na que o director da Mostra, Ángel Rueda, explicou que a proposta deste ano pecha unha triloxía temática "arredor dos vimbios do cinema como ferramenta". Se ben no ano 2016 Os Novos Impresionistas centraban o foco na luz, e no 2017 Obxectos e aparicións, de como os propios cineastas transformaban o obxecto cinematográfico, este ano a Mostra aborda, de xeito especial, o tempo, "o ADN do cinema", sinalou Rueda. Así, a novena edición do (s8), Lux algebra, afondará na idea do cine como que conta co tempo e a estrutura como feitos diferenciais, e abordará o cinema estrutural de figuras como Ernie Gehr, Kurt Kren, Scott Stark ou Chris Kennedy. Esta sección completarase coa sesión Patróns de Interferencias, o programa Métrica e rima, ou a exposición O cine en papel.
Tal e como apuntou Ángel Rueda, o obxectivo do (S8) "non é tanto a difusión de cinema como xerar un espazo de creación, diálogo, coñecemento e encontro entre cineatas locais, galegos e internacionais", a través dunha ampla súa programación, que inclúe encontros profesionais nos que participarán responsables da programación do Festival Internacional de Cine de Berlín, Berlinale, ou DocsLisboa. "Este ano, ademais, procuramos reforzar o carácter periférico da proposta, de xeito que non sexa aberto só a cineastas, senón tamén a artista e veciñanza en xeral", sinalou o director, en referencia aos distintos seminarios, obradoiros e actividades paralelas que se desenvolverán durante a Mostra e ao impulso de iniciativas específicas vinculadas ao eido da educación e a inclusión, "e que afondan na idea do cine como ferramenta para conectar con outras realidades", aseverou. Entre as propostas deste ano, destaca a Film farm on the road, no que Phil Hoffman dirixirá, entre o 5 e o 8 de xuño, un obradoiro de cinema artesanal na Coruña, cuxo prazo de inscrición xa está aberto a través do correo electrónico inscripcion@s8cinema.com
Gala inaugural
A IX Mostra Internacional de Cinema Periférico celebrará o venres 25 a súa gala inaugural coa ópera-oratorio Voices of light/A paixón de Xoana de Arco. O estadounidense Richard Einhorn presenta unha partitura para coro e orquestra concebida para a película francesa dirixida, no ano 1928, por Carl T. Dreyer, e que Ángel Rueda cualificou como unha "obra mestra e referente no cinema". A proposta, que terá lugar no Teatro Colón, contará coa interpretación ao vivo do Coro e Orquestra Gaos, proxecto dirixido por Fernando Briones. As entradas para asistir ao evento xa están á venda e pódense adquirir tanto no despacho de billetes do propio recinto ou o web www.ataquilla.com.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible