21 de novembro de 2017
O concelleiro de Emprego e Economía Social visitou hoxe unha das tendas de comercio de proximidade que participan nesta acción, que se desenvolverá até finais de mes
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, visitou esta mañá un dos establecementos de proximidade do barrio dos Mallos que participa das actividades comprendidas dentro do Plan Municipal para a Dinamización do Comercio Minorista nesta zona da cidade. En concreto, o responsable municipal acudiu á tenda sita na Avenida dos Mallos, integrante na acción Comercio con Mimo, que consiste en dinamizar os escaparates das tendas durante unhas horas á semana coa actuación de profesionais clowns e mimo. O edil comentou que ao longo de todo novembro o Concello, en colaboración cos e coas comerciantes da zona, habilitou a actuación de artistas de mimo nos escaparates de 12 tendas do barrio. "Os diferentes estudios levados a cabo sobre o comercio local destacan que unha das súas fortalezas non só está na calidade do produto, senón no trato personalizado, no especial agarimo dos e das comerciantes coa súa clientela. Por iso apostamos por falar de forma metafórica de comercio con mimo, cunha actividade que, á vez, é un reclamo para achegarse as tendas", explicou Lema, que recordou que as actuacións nos escaparates participantes prodúcense pola mañá, a partir das 12.00 horas, e pola tarde, ás 17.30 horas. Esta acción de dinamización, que comezou ao principios de mes, rematará o próximo sábado 25.
O Plan Estratéxico Municipal para a Dinamización do Comercio Minorista dos Mallos trata de artellar unha serie de obxectivos que permitan ao pequeno comercio adaptarse aos cambios económicos e sociais recentes, incrementando a súa vitalidade e mantendo -e mesmo aumentando- os seus beneficios económicos e sociais. O proxecto, presentado hai unhas semanas á veciñanza da zona e o sector comercial, marca unha serie de retos, como son a modernización do sector comercial, o aumento da visibilidade do sector, a posibilidade dun recambio xeracional entre o colectivo de comerciantes, a introdución do comercio de barrio nos hábitos de compra da mocidade e unha mellora da imaxe do barrio e dos establecementos comerciais, así como a mellora da competitividade e visibilidade social, "de cara a asentar Os Mallos como un dos principais barrios comerciais da cidade".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible