11 de agosto de 2025
A orquestra actuará este martes a partir das 22.00 horas na praza de María Pita
A praza de María Pita acollerá este martes 12 de agosto (22.00 horas) o concerto 'Homenaxe a Sito Sedes. O cantante eterno', que consistirá nunha actuación especial da orquestra Los Satélites, con diferentes convidados/as, para honrar a memoria do músico, referente da canción galega e de orquestra. O evento, que se enmarca dentro da programación das Festas de María Pita 2025, forma parte do ciclo Noites de María Pita.
"A música de orquestra ábrese paso na programación das festas de María Pita, dignificando desde o Goberno de Inés Rey un xénero musical que é tamén identidade galega e coruñesa", sinalou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Trátase dun concerto especial da orquestra Los Satélites que contará con diferentes cantantes convidados, que interpretarán un repertorio clásico, acorde aos que acostumaba a interpretar o propio Sedes durante os seus anos á fronte da formación.
Sito Sedes, nado en Narón en 1946, foi unha das voces máis recoñecidas e queridas da música popular galega. Durante máis dunha década foi o cantante principal da orquestra Los Satélites, coa que percorreu as verbenas de toda Galicia nos anos setenta e coa que acadou un Disco de Ouro con EMI en 1977. A formación chegou a ser orquestra titular do programa Aplauso de TVE, converténdose nun símbolo musical da época. Tras a súa etapa cos Satélites, Sito continuou ligado á música e á televisión, colaborando coa Garufa Blue Devils Big Band, traballando como produtor na TVG, participando en programas da CRTVG e lanzando proxectos como Nostalxia xunto a Xoel López en 2016. Faleceu o 24 de xullo de 2024, aos 78 anos deixando un legado artístico e emocional inesquecible, e unha voz que uniu xeracións.
Dispositivo especial de transporte
Hai en marcha un dispositivo especial de transporte urbano durante as Noites de María Pita os días 1, 2, 3, 4, 5, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 17 e 25 de agosto. Haberá saídas desde Porta Real a partir das 00.00 horas, hora prevista da finalización dos concertos.
O dispositivo consiste nunha liña identificada como 1 que dará cobertura ás zonas da Palloza, Gaiteira, Os Castros, Castrillón e Avda. de Monelos, unha liña identificada como 1A para as zonas de Catro Camiños, Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís, unha liña identificada como 3 que dará servizo ás zonas de Durmideiras e Monte Alto, unha liña identificada como 3A que dará servizo ás zonas de Labañou e Os Rosales, unha liña identificada como 6 que saíndo de Porta Real e que entrará por Juana de Vega á Praza de Pontevedra, Avda. de Fisterra, Ventorrillo e Meicende, unha liña identificada como 7 que saíndo de Porta Real entrará por Juana de Vega para dar servizo ás zonas de Peruleiro, Rolda de Outeiro, Ventorrillo e Vila de Negreira, unha liña identificada como 11 que saíndo de Porta Real pasará por Juana de Vega, Praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla y Cancela e Os Mallos, unha liña identificada como 21 para dar cobertura a Ramón y Cajal, Pablo Picasso, Birloque e Novo Mesoiro. A estas liñas súmase a identificada como 24, que dará servizo ao barrio de A Zapateira.
Por outra banda, a partir da 00:05 horas entrará en servizo un servizo nocturno, no sentido inverso ao habitual, Porta Real - Os Castros - Castrillón - Monelos - Eiris - Palavea - Rolda de Outeiro. A partir da 00:30 horas entrará en servizo outro servizo nocturno, no sentido de circulación habitual Labañou - Rolda de Outeiro - Birloque - Novo Mesoiro.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible