21 de setembro de 2025
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou na entrega de premios e destacou a importancia de que a proba siga gañando peso a escala interxeracional, dándolle así continuidade no tempo
Unhas 200 persoas participaron esta mañá de domingo na Travesía a Nado na Enseada de San Amaro, unha das citas tradicionais do calendario deportivo coruñés, e que este ano chegou á súa LXXXIV edición.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou ao mediodía no acto de entrega de trofeos. A vitoria foi para Lucas Costa (categoría masculina) e Noa Borrazás (categoría feminina), gañadores da competición tras un percorrido triangular de 1,2 quilómetros polas augas de San Amaro, a contorna dos Pelamios e a costa de Durmideiras. No podio acompañáronnos Xoel Cubeiro e Manuel Souto, así como Lucía Villarnovo e Alba Castro, que ocuparon o segundo e terceiro caixón do podio, respectivamente.
Manuel Vázquez valorou a importancia desta cita e tamén a súa lonxevidade no tempo. "Ano tras ano, a Travesía conta coa participación de centos de persoas e amosa, ademais, que hai un compoñente interxeracional, porque xa estamos a ver a rapazas e rapaces que, ou ben participan cos seus pais e nais, ou herdaron o seu sentimento de pertenza con respecto á proba, e iso é alentador porque lle dará continuidade no futuro", expresou.
Pese á choiva da primeira hora da mañá, as condicións meteorolóxicas deste domingo ao mediodía foron moito máis favorables para a celebración da proba que na data prevista anteriormente, a finais de agosto. Entón, a Travesía tivo que aprazarse tanto polo pronóstico de alerta laranxa como pola presencia de medusas nas augas das praias urbanas da cidade, o que motivou a súa suspensión temporal para preservar a seguridade das persoas participantes.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible