4 de xuño de 2025
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe dos compromisos que asume cada Administración. O Concello será o encargado de executar as obras
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que o último trámite preciso para poder licitar as obras do centro de saúde e centro cívico de Santa Lucía vén de completarse coa aprobación do convenio coa Xunta para o financiamento dos traballos.
Así o expuxo a rexedora esta mañá, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, que deu luz verde ao convenio de colaboración coa Xunta para rehabilitar o antigo mercado de Santa Lucía, "unha demanda histórica do barrio da Falperra que, tras moitos anos, imos ver cumprida".
Neste sentido, o Concello remitiu o convenio á Xunta a inicios de maio e o Consello do Goberno autonómico autorizou a sinatura a semana pasada. Hoxe, ese documento recibiu tamén o visto e prace do Concello. "Isto amosa que, por fin, o novo Santa Lucía será unha realidade tras o acordo entre ambas as administracións. Cos trámites finalizados, as obras sairán moi pronto a licitación por un prezo total superior aos 10,3 millóns de euros, sendo o investimento máis importante realizado na Falperra en moitos anos", explicou Rey.
O convenio estipula os compromisos e achegas de cada parte para rehabilitar o mercado e construír o centro de saúde -que substituiría o de Federico Tapia-, o centro cívico e o espazo destinado ao mercado de Santa Lucía, todo no mesmo edificio. O investimento será de 10,3 millóns dos que o Concello achega case a metade (4,7 millóns de euros) e a Xunta 5,5 millóns de euros. As contías das partes achéganse en tres anualidades, contando con rematar os traballos no ano 2027 e dando comezo este mesmo ano.
O Concello licita e executará as obras
O Concello da Coruña será o encargado de licitar e executar as obras. A posteriori, cederá por 30 anos á Xunta a parte do edificio que acollerá o centro de saúde -cláusula que será prorrogable por outros 30 anos-, e ademais, regularase na ordenanza fiscal unha exención do IBI para o centro de saúde. As autoridades municipais tamén asumirán o mantemento das zonas comúns do edificio.
Pola súa banda, a Xunta asume os custos de execución da obra do centro de saúde e farase cargo dos gastos de mantemento deste. Tamén aboarán os premios correspondentes ao concurso de proxectos na mesma proporción na que participan do resto do financiamento (54%).
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible