Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de abril de 2025

Luz verde ao convenio de colaboración entre A Coruña e Arteixo, que contempla a concorrencia conxunta en convocatorias de fondos europeos

"Tanto a cidade como os concellos próximos comparten sinerxías en materia económica, demográfica e social, tamén no referente ao transporte e á mobilidade", razoou a alcaldesa, Inés Rey

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o convenio que se asinou co Concello de Arteixo hai dúas semanas, cando se acordou un marco de colaboración conxunto que lles permitirá a ambos os concello traballaren cunha planificación compartida en materia de territorio e actuacións que teñan un impacto positivo tanto na Coruña como no municipio arteixán.

"Como xa expuxemos na sinatura do protocolo de colaboración, tanto o alcalde Carlos Calvelo coma min, vemos necesario estreitar a colaboración entre a cidade e os concellos da área metropolitana porque, independentemente do que indiquen os mapas ou a xeografía, tanto A Coruña como os concellos próximos comparten sinerxías en materia económica, demográfica e social, tamén no referente ao transporte e á mobilidade", razoou a alcaldesa, Inés Rey.

Ademais, tal e como se informou días atrás, o convenio establece a posibilidade de que Arteixo e A Coruña concorran de forma conxunta a convocatorias de captación de fondos europeos, unha medida que ambas as partes entenden beneficiosa para cofinanciar actuacións susceptibles de teren un impacto positivo nos dous concellos.

A atención ás persoas sen fogar do Centro Social de Labañou, adxudicada

Noutra orde de asuntos, o Concello adxudicou hoxe o servizo de atención ás persoas sen fogar no Centro Social de Atención Continuada de Labañou, que contará con 16 horas diarias de asistencia, de luns a domingo. Axiña será a empresa encargada de prestar o servizo, que contará cun investimento de máis de 600.000 euros a dous anos vista. O contrato poderá prorrogarse anualmente por outros dous exercicios máis. 

Cómpre lembrar que, xa o pasado verán, o Concello completou a primeira fase para a remodelación das antigas instalacións do albergue de Labañou, que complementa os demais recursos cos que contamos no Concello para atender a persoas en situación de exclusión social, ao permitir que dispoñan de espazos de descanso.

Máis de 770.000 euros en investimentos no Aquarium Finisterrae

Tamén hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou a saída a concurso do servizo de mantemento biolóxico do Aquarium Finisterrae, unha iniciativa necesaria para o coidado das especies que hai na instalación e, en consecuencia, fundamental para o desenvolvemento das actividades divulgativas que alí se levan a cabo. En total, destinaranse máis de 770.000 euros á prestación do servizo, un contrato que será prorrogable por outros dous anos máis. 

"O investimento municipal na rede de Museos Científicos Coruñeses vai máis alá das infraestruturas, e este é un caso que así o evidencia. Con todo, e tal como expuxemos ao presentar os Orzamentos Municipais, a medio prazo temos previsto realizar un esforzo importante na renovación dos nosos museos, espazos patrimoniais de alto valor para o tecido cultural e divulgativo da cidade. No caso do acuario, o ano pasado culminamos as obras de ampliación e mellora do sanatorio de focas e, paso a paso, ímoslles dando resposta ás necesidades detectadas tamén na Domus e na Casa das Ciencias, onde están en marcha diversos traballos para impermeabilizar as cúpulas do edificio", detallou Inés Rey.

Saída a concurso do servizo de comunicación ambiental

A maiores, hoxe confirmouse a saída a concurso do servizo de actividades de educación, sensibilización e comunicación ambiental, unha iniciativa coa que o Concello contribúe a concienciar a cidadanía sobre a importancia de coidar a nosa contorna.

Este servizo chega aos centros educativos da cidade e tócalles de preto ás novas xeracións para inculcarlles valores como o respecto ao medio natural, a economía circular e a sustentabilidade. A previsión de investimento do Concello é de 300.000 euros a dous anos e será un contrato prorrogable por outros dous exercicios.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión