Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de maio de 2025

Luz verde ao proxecto definitivo de construción do centro de saúde de Santa Lucía, paso previo á licitación das obras

A rehabilitación integral do antigo edificio permitirá a súa remodelación para acoller, ademais do centro de saúde, un novo centro cívico municipal e un mercado de abastos na Falperra

A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe da aprobación do proxecto definitivo de construción do centro de saúde de Santa Lucía, unha demanda histórica do barrio da Falperra que xa está un paso máis preto de cumprirse.

Foi un dos asuntos máis destacados da orde do día na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que lle deu luz verde á rehabilitación do antigo mercado "para dotar o distrito dun equipamento tan agardado como necesario", como expuxo a rexedora, que lembrou que, tal e como se informou no seu momento, cando se adxudicou o deseño e dirección de obra ao estudio Burgos & Garrido, Santa Lucía contará tamén cun novo centro cívico e tamén cun mercado de abastos, "aproveitando a remodelación do edificio para darlle usos múltiples que entendemos fundamentais para a veciñanza".

No referente á distribución do edificio, o mercado de abastos estará no soto. Xa entre o primeiro e o segundo andar do edificio, estarán as instalacións do centro de saúde, que ocupará algo máis da metade do novo edificio en termos de superficies de uso, un 54%. O centro de saúde de Santa Lucía acollerá diversos espazos destinados á área médica -cunha sala de toma de mostras, outra polivalente, unha consulta de urxencias e outras de medicina e enfermaría xeral-, área pediátrica -con consultas de pediatría-, área da muller -con consultas de matrona, aseos e cambiadores-, así como estancias habilitadas para acoller as áreas de administración, arquivo, persoal e usos comúns.

Os espazos reservados para o Centro Cívico de Santa Lucía situaranse nas alturas superiores do inmoble e abranguen unha nova sala polivalente, un auditorio, unha sala de reunións, un espazo para a xestión de libros, almacéns e aseos.

Na rolda de prensa desta mañá, Inés Rey agradeceu "a paciencia da cidadanía con esta cuestión porque somos conscientes de que esta demanda se enquistou no tempo desde hai máis dunha década. Proximamente, Santa Lucía será unha realidade e iso é froito da vontade de ambas as partes, tanto do Concello como da Xunta, de sentarnos á mesa para lle darmos resposta ás necesidades das coruñesas e dos coruñeses e atoparmos solucións afastándonos do ruído.

A sinatura do convenio, clave para determinar os compromisos de cada parte

A mediados de marzo, o Concello remitiu ao Sergas a proposta de convenio de colaboración que estipula os compromisos asumidos por cada unha das partes con vistas á construción do novo Santa Lucía, que remarca tanto os prazos como as achegas en termos de financiamento, xa que o investimento total será de 10,3 millóns.

"Hai uns días o Sergas remitiunos os últimos detalles que cómpre ter en conta co proxecto, detalles que non supoñen variación no convenio proposto. Agora agardamos que a Xunta sexa áxil e asine o convenio o antes posible para que poidamos licitar esta actuación, que suporá un revulsivo para o barrio non só polo edificio e os novos servizos, senón tamén pola recuperación urbana da contorna", precisou a alcaldesa, que subliñou que, para construír o centro de saúde, o Concello captou 3 millóns de euros en fondos europeos PIREP.

O convenio remitido á Xunta estipula, entre outros aspectos, que o Concello asume o compromiso de executar as obras e, unha vez que rematen, cederlle por 30 anos á Xunta a parte do edificio que acollerá o centro de saúde. Esta cláusula será prorrogable por outros 30 anos. Ademais, está previsto regular na ordenanza fiscal unha exención do IBI para o centro de saúde.

Pola súa banda, e atendendo ao texto do convenio, a Xunta asumiría os custos correspondentes á execución da obra do centro de saúde e, ademais, faríase cargo dos gastos de mantemento. Tamén aboarán os premios correspondentes ao concurso de proxectos.

"Entendemos que a sinatura deste convenio por parte da Xunta será case un formalismo, xa que a finais do mes pasado recibimos o informe técnico favorable da Consellería de Sanidade. Desta forma, resolvendo este trámite, avanzaremos xa cara á licitación das obras, paso previo á súa adxudicación e posta en marcha para que vexamos o centro de saúde de Santa Lucía, así como o centro cívico e o mercado de abastos, traducidos en feitos", concretou Rey.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión