Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de febreiro de 2026

Máis de 2.000 persoas participaron nas actividades divulgativas da feira científica Isabel Zendal, realizada no Aquarium Finisterrae

A xornada, organizada polo grupo de innovación docente UDCiencia d+i, da Universidade da Coruña, contou co apoio do Concello

O Aquarium Finisterrae acolleu hoxe a oitava edición da feira científica Isabel Zendal, que está a celebrarse en dúas quendas, de mañá e tarde, con obradoiros e actividades divulgativas sobre o mundo mariño e as expedicións marítimas.

Durante a sesión matinal, máis de 2.000 persoas participaron xa nos xogos e experimentos organizados ao longo desta xornada impulsada por UDCiencia d+i -grupo de divulgación científica e innovación docente da Universidade da Coruña-, en colaboración co Concello. A programación continúa pola tarde, entre as 16:00 e as 18:30 horas, e aínda se poden retirar invitacións de balde a través da web municipal.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, puxo en valor esta proposta, "que vai en sintonía co traballo e a programación que se desenvolve na nosa rede de Museos Científicos Coruñeses, que desde que se puxo en marcha sempre se identificou pola divulgación a escala interxeracional cunha perspectiva de aprendizaxe amena e divertida".

En base a esta idea, pequenos e maiores tiveron hoxe a oportunidade de coñecer máis polo miúdo os segredos do mundo mariño. Por exemplo, a diversidade de algas que habita as costas galegas e tamén as habilidades dos polbos grazas a factores como a xenética e a evolución deste grupo de animais.

As diversas sesións e xogos organizados durante a mañá, e que terán continuidade na quenda de tarde, foron dirixidos por profesorado e alumnado da UDC, que, como xa é habitual en cada edición da feira, tamén prepararon actividades de divulgación en torno á figura de Isabel Zendal e o periplo da Real Expedición Filantrópica da Vacina. Ademais de evocar a viaxe da enfermeira coruñesa e os 21 nenos orfos da expedición, tamén houbo tempo para desfrutar con xogos e paneis interactivos concibidos para explicar que son e como funcionan as vacinas.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión