30 de maio de 2016
A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento organizou 183 visitas guiadas ata onte, o día de peche da mostra itinerante
A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de anunciar que a exposición Os obxectos falan. Coleccións do Museo del Prado, a escolma itinerante de 60 obras que proceden dos fondos do centro de arte estatal, recibiu 24.165 visitantes desde a súa inauguración, o pasado 16 de febreiro, ata onte, último día de exhibición. O edil responsable da área municipal, José Manuel Sande, cualificou como "éxito notable" a cifra recollida na Sala de Exposicións Municipal Kiosco Alfonso ao facer balance dunha mostra "coherente que supuxo unha ocasión histórica para que as e os coruñeses, e todas aquelas persoas que visitaron a nosa cidade, coñecerán, máis aló da contemplación, o traballo de artistas de primeira liña das artes plásticas", como El Greco, Goya, Sorolla, Velázquez ou Zurbarán.
Neste sentido, o concelleiro salientou o "importante impulso" promovido desde a súa área para reforzar o carácter pedagóxico da mostra, "coa organización de numerosas visitas guiadas gratuítas" que, "debido a alta demanda pola xenialidade" do contido da exposición, pasaron de dúas a tres sesións semanais "para atender as distintas peticións recibidas nos últimos tempos". En total, Culturas organizou 183 visitas guiadas á exposición, mantendo deste modo a liña de traballo na que vén traballando nos últimos meses de achegar o obxecto artístico á cidadanía.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible