Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de febreiro de 2024

‘Raposo’ e ‘Kutremberos’ foron os gañadores do tradicional concurso de choqueiros da rúa da Torre

Máis de 30.000 persoas festexaron o Martes de Entroido no Campo da Leña e a rúa da Torre, onde se celebraron os concursos de disfraces de choqueiros

O Concello habilitou un dispositivo especial de seguridade integrado por máis de 70 profesionais da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil

A Coruña celebrou hoxe os festexos do Martes de Entroido, concentrados na contorna do Campo da Leña e a rúa da Torre. Ao mediodía, a alcaldesa, Inés Rey, participou nos tradicionais actos de homenaxe a Cantero, Canzobre e Palau. E, entre medias, ás 13.30 horas, descubriuse na rúa San Xosé a placa da Choqueira do Ano, Jesusa Cabeza Susa'.

Foi o punto de partida dunha xornada marcada polas boas condicións meteorolóxicas, o que favoreceu a asistencia de máis de 30.000 persoas ás festas na contorna do barrio de Monte Alto, segundo as cifras facilitadas pola área municipal de Seguridade Cidadá.

'Raposa', 'O león e o seu domador', 'Mujer Dakota', 'Miss Churra', 'Velutina', 'La tienda de Monte Alto', 'Condesa Araña', 'Jardín Encantado' e 'Dama de prensa' foron os gañadores do tradicional concurso de choqueiros e choqueiras na rúa da Torre, na modalidade individual.

Na modalidade grupal gañaron 'Kutremberos', 'Misterios de África', 'Feira', 'Amish', 'Sorteo del Niño', 'Eduardo y el pavo de la rotonda'.

Concurso infantil e familiar de choqueiros e choqueiras

Ás 17.00 horas comezou o concurso infantil e familiar de choqueiras e choqueiros. Na categoría individual gañou o primeiro premio 'Nico - Pulpeira', seguido por 'Aerobic' e 'Marty McFly'. Na categoría familiar venceron 'E.T.', 'Emojis' e 'Emociones'.

En paralelo, tamén se celebrou o concurso infantil de disfraces. Na categoría individual gañaron 'Chullachaqui', 'Obélix' e 'Flamenco'. Na grupal, 'Dragones', 'Familia Lego' e 'Primos Monstruos'.

No xurado que determinou ás e aos gañadores participaron representantes do Concello da Coruña, así como da asociación cultural Amigos da Xoldra e dos medios de comunicación da cidade.

Un dispositivo de seguridade conformado por máis de 70 persoas

Máis de 70 efectivos da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil integraron o dispositivo especial de seguridade habilitado de cara a este Martes de Entroido, que tamén incluíu un punto violeta. Esta medida, unha das iniciativas promovidas polo Goberno de Inés Rey para facer fronte á violencia de xénero, ofrece atención e, no caso de ser preciso, acompañamento ás adolescentes, mulleres novas e adultas que sufran algún tipo de violencia de xénero.

Este martes, habilitouse un equipo itinerante que percorreu a rúa da Torre desde as 19.30 horas e ata a medianoite. Ademais, habilitouse un espazo de atención no acceso á Escola Municipal de Música.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión