Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de decembro de 2022

Máis de tres millóns de luces de Nadal iluminan desde hoxe os barrios da Coruña

Inés Rey presidiu o acendido das luces, no Obelisco, e no que os máis pequenos foron os protagonistas da conta atrás para o acendido das luminarias

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este sábado o acto de acendido das luces polas festas de Nadal, unha celebración que deu comezo, de forma oficial, ao comezo da programación de actividades previstas na cidade con vistas a estas datas festivas.

A conta atrás para o acendido da iluminación de Nadal comezou ás 16.15 horas, coa posta en marcha do concurso infantil de debuxos ideado para escoller, posteriormente, a dous pequenos encargados de premer o interruptor de acendido das luces. Entre medias, e no contexto da celebración, actuou tamén o Mago Román, que fixo gozar a nenos e adultos nos instantes previos ao acto de acendido das luces de Nadal.

Inés Rey puxo en valor o compromiso do Goberno municipal para "que o Nadal se viva con igual intensidade en todos os distritos da cidade". Para isto, continuou, "o Concello instalou máis de tres millóns de puntos de luz led entre todos os barrios da Coruña". Ademais, e ata o vindeiro 8 de xaneiro, hai máis de sesenta eventos programados en todos os distritos coruñeses, que abranguen concertos, espectáculos e obradoiros creativos, unha programación orientada tanto a persoas adultas como aos máis pequenos, e cunha marcada aposta polo talento cultural da cidade.

Por outra banda, a alcaldesa convidou á cidadanía a apoiar, máis que nunca, o comercio de proximidade. "A Coruña é o que é pola identidade particular de cada un dos seus barrios, tamén pola vida que dá ás nosas rúas o pequeno e mediano comercio local, que é, en realidade, o que aporta a verdadeira luz á cidade, tanto no Nadal como no día a día", subliñou.

A continuación, Inés Rey, acompañada polo actor Suso Martínez como mestre de cerimonias, foi a encargada de escoller, ao azar, os debuxos das pequenas e pequenos agraciados, que accionaron o interruptor de acendido das luces para inaugurar, oficialmente, o Nadal 2022-23 na cidade.

A celebración no Obelisco rematou coa actuación en concerto da Gallaecia Big Band, que puxo o peche final aos actos festivos desde as 18.50 horas.

A distribución do alumeado de Nadal polos barrios

Os tres millóns de puntos de luz led instalados polo Concello nos barrios este Nadal son dispositivos de baixo consumo. Incrementáronse a 560 os arcos luminosos, tamén de baixo consumo e distribuídos por todos os distritos. Este ano, a expansión das luminarias foi máis notoria nos Mallos e o Barrio das Flores. Ademais, as luces de Nadal chegaron por primeira vez ao novo barrio de Xuxán.

Entre os adornos con temática de Nadal instalados na cidade destaca a esfera luminosa de 12 metros de altura, que estará situada un ano máis na Mariña, e a árbore de 20 metros de altura do Obelisco. En paralelo, instaláronse decoracións luminosas específicas, con paraugas de luces e elementos en 3-D, repartidas entre a praza das Conchiñas, o Campo de Marte, a praza da Cubela e o cruzamento entre a rolda de Nelle e a avenida de Arteixo.

Este domingo, máis actividades de Nadal na praza de María Pita

A programación de actividades polas festas de Nadal continuará este domingo na praza de María Pita. Desde o mediodía, o Iglú acollerá diversos obradoiros infantís, abertos baixo inscrición previa, e talleres promovidos por Ikea. Terán lugar en horario de mañá (de 12.00 a 14.00 horas) e de tarde (de 17.00 a 21.00 horas).

Ademais, desde as 18.00 horas, María Pita abrirá o ciclo de Concertos de Nadal que interpretarán as corais da cidade ata mediados de decembro. Nesta primeira quenda, actuarán a Asociación Cultural de Persoas Invidentes e con Deficiencias Visuais (18.00 horas) e, a continuación, ás 20.00 horas, o Orfeón Herculino.

Documentos:

Programación Completa Nadal 2022-23 (4 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión