18 de marzo de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, presentou xunto a Luis Piedrahita as novidades desta edición, que se celebrará do 23 de abril ao 3 de maio
A sexta edición do Encontro Mundial de Humorismo, que se celebrará do 23 de abril ao 3 de maio na Coruña, presenta este mércores 18 a súa programación ao completo. Case unha vintena de espectáculos, dos cales catro serán estreas absolutas, e un feixe de actividades paralelas, entre as que se atopan conversas abertas ao público, a gravación dun podcast, un curso de clown, unha proxección de cinema ou mesmo unha exposición de fotografía, terán como misión, tal e como propón o cartel do EMHU 2026, encher a cidade de sorrisos.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto de presentación da programación no Palacio Municipal de María Pita, acompañada polo director do EMHU, Luis Piedrahita. Ademais, tamén participaron o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, a responsable de gastronomía e proximidade de Hijos de Rivera, Cristina Canosa, e a actriz coruñesa Bárbara Grandío, que estreará no EMHU o seu novo espectáculo. "A Coruña ten a capacidade para asumir o título de cidade do humor. Contamos cuns espazos á altura deste encontro, como xa amosamos en todas as edicións, enchendo recintos como o Coliseum ou Palexco, e facendo dobres sesións no Teatro Colón.", indicou a alcaldesa, que destacou tamén o amplo número de espectáculos que se estrean en Galicia no marco deste evento.
Entre os novos espectáculos presentados esta mañá está unha das catro galas de produción propia que o EMHU ofrecerá este ano. Ademais das xa anunciadas 'Humoris Causa', 'Chisteria Colectiva' e 'Fantastic Colofon', o evento recupera 'Animus Iocandi', que nesta ocasión terá lugar ao mediodía do sábado 25 (12.30 horas) e contará cunha tríade de grandes comediantes: Ignatius Farray, Laura Márquez e David Perdomo. O peche da programación troncal do EMHU chega co esperado anuncio da presentación na cidade do novo show de Facu Díaz, titulado 'Esto no es culpa de nadie', na noite do sábado 25 (21.00 horas).
As entradas para as dúas citas están á venda desde hoxe, ás 11.00 horas, en www.emhu.es e www.ataquilla.com, ao igual que as novas funcións de shows que están a piques de esgotar localidades, como é o caso de 'Corta el cable rojo', 'Pintando a mona xuntos' ou 'Yunez Chaib en directo'. Entre os espectáculos que xa penduraron o cartel de 'sold out' está 'Estirando el Chicle. El show de Mentira y Traición', e outros van polo mesmo camiño: 'Humoris Causa', 'Fantastic Colofon' e 'Chisteria Colectiva'.
Programación paralela con conversas e podcast
A actriz Malena Alterio, o ilustrador Riki Blanco, o humorista Xavi Puig, a debuxante Candela Sierra, o guionista Dani Fontecha, o creador de contido dixital Alfonso Cocituber ou o xa mítico e imprescindible alumnado da Escola de Impro da Coruña serán parte da programación paralela do EMHU 2026, que este ano suma de novo unha proxección de cinema ('Sujétame el cubata') e posterior coloquio con JJ Vaquero nos Cantones Cines, que se suma como sede do evento.
Nesta edición celebraranse dúas conversas con grandes nomes da comedia a nivel estatal. A primeira delas nace do ámbito dixital. Se no século XX os artistas se atopaban nos cafés e librarías para charlar -aquelas conversas, aparentemente informais, eran tamén unha ferramenta creativa-, hoxe en día este intercambio de ideas pasa polas conversas que se quedan rexistradas como nunha caixa negra: o Whatsapp.
O escritor e codirector de El Mundo Today, Xavi Puig, a debuxante e Premio Nacional de Cómic 2025, Candela Sierra, a actriz de dobraxe e cantante Nikki García; o ilustrador Riki Blanco; a produtora e directora artística Ximena Feijoo Merklen; e o humorista e mago Luis Piedrahita comparten un grupo de Whatsapp. No EMHU abrirán as súas conversas ao mundo nunha cita que terá lugar no Teatro Colón o 1 de maio ás 12.30 horas.
No mesmo recinto, na mañá do domingo 3 de maio (12.30 horas) celebrarase o segundo destes faladoiros, titulado 'Mi media comedia', e que contará con dúas das mulleres máis relevantes da nosa comedia no eido audiovisual: Eva Hache (quen participará na gala 'Fantastic Colofon' de peche do evento) entrevistará en directo, con público, a outro dos grandes nomes do humor a nivel estatal das últimas décadas: Malena Alterio.
Alén do formato conversa do momento e máis pensada para pendurar e compartir co mundo será a sesión especial que se gravará de 'Torreznos Podcast', (2 de maio, 12.30 horas en Afundación) co cómico e guionista de El Hormiguero Dani Fontecha e cun dos creadores de contido máis relevantes do país, Alfonso Ortega, 'Cocituber'. En tan só 4 meses desde o seu primeiro lanzamento, este podcast -no que se fala dun pouco de todo- conseguiu posicionarse como un dos máis escoitados en plataformas dixitais coma Spotify ou iVoox.
A improvisación, punto chave do EMHU 2026
Neste 2026 a improvisación ocupará un lugar destacado no EMHU. Se ben o evento arrancará o xoves 23 cunha dobre función no Teatro Colón de 'Corta el cable rojo', a improvisación volverá ocupar un lugar estrela na programación do evento ao día seguinte. Un ano máis, a Escola de Impro da Coruña asistirá á súa cita co público, mais nesta ocasión mudarán a sesión vermú do sábado por unha velada nocturna: o encontro humorístico-deportivo que máis sorrisos arranca cada ano na cidade celebrarase o venres 24 de abril ás 21.00 horas en Afundación.
Coma sempre a entrada será gratuíta (poderase facer unha achega de alimentos non perecedoiros a través da colaboración co programa Cultura x Alimentos de Afundación). O público só terá que chegar e encher: os equipamentos, as cartolinas, os bolígrafos e os papeis estarán preparados para unha competición irrepetible e imprevisible que contará con Oswaldo Digón e Víctor Grande como árbitros e na que o público terá a última palabra.
Entre as novidades das actividades paralelas vinculadas á improvisación, atópase a primeira formación impartida polo EMHU, que virá da man do clown Jöns Pappila, formado nas prestixiosas escolas de Jacques Lecoq e Philippe Gaulier, e asistente de lendas coma Carlo Colombaioni, Leo Bassi e Jango Edwards. Trátase dun obradoiro intensivo e totalmente práctico deseñado para explorar o sentido do ridículo, perder o medo á exposición e transformar esa vertixe nunha gran ferramenta para a comedia ou a oratoria.
Ao longo de tres xornadas -de catro horas diarias de pura práctica a través do xogo-, un máximo de 20 persoas maiores de idade (sexan do mundo da interpretación ou simplemente persoas interesadas en adquirir soltura ao falar en público, con ou sen experiencia previa) aprenderán a abrazar o erro. As inscricións poderanse realizar desde hoxe mesmo a través da páxina web do evento, www.emhu.es.
Exposición para todos os públicos 'Comedy Wildlife'
Neste 2026 o EMHU e Afundación, Obra Social ABANCA amplían a súa colaboración. A sede da entidade, ademais de acoller diversas funcións do evento, contará do 31 de marzo e até o 12 de setembro coa exposición de fotografía 'Comedy Wildlife', unha proposta para toda a familia que conecta o humor co reino animal.
A través das 72 fotografías seleccionadas no recoñecido certame internacional Comedy WIldlife Photo -que premia as imaxes máis divertidas de animais tomadas en todo o mundo- entre os anos 2015 a 2025, a exposición amosa unha magnífica recompilación de instantáneas da natureza ben singulares, nas que o ser humano conecta coas diferentes especies animais a través das emocións como o humor e a sorpresa. Tartarugas, mapaches, osos ou pingüíns son parte dunha mostra que busca espallar o sorriso entre os visitantes.
No marco da programación do EMHU, Afundación ampliará a súa oferta de visitas gratuítas para que o público do evento poida coñecer a exposición de primeira man. As reservas para esta actividade (gratuíta previa retirada de entrada en Ataquilla.com) abriranse proximamente.
Programación infantil
Alén da posibilidade de gozar da exposición Comedy Wildlife, unha das apostas que o EMHU consolida neste 2026 é a programación dirixida ao público infantil, que terá lugar na primeira fin de semana de maio. Logo de sorprender ás máis pequenas da casa no 2025 con 'El show de la Fantasy House', neste 2026 propón máis malabares e acrobacias con 'Piensa en Wilbur' (2 de maio, Teatro Colón) e unha dobre función, a ceo aberto, de 'El velocípedo mágico'. Esta actividade paralela dirixida e interpretada por Billy Bluff levarase a cabo o venres 1 de maio en horario de mañá (12.30 horas) e tarde (18.30 horas) na Praza de María Pita.

5 de marzo de 2026

4 de marzo de 2026

3 de marzo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible