Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de xuño de 2016

María García presenta 'Móllate', "unha iniciativa de concienciación ambiental liderada pola mocidade para acadar unha festa de San Xoán máis sustentable"

A concelleira de Medio Ambiente apelou hoxe “á corresponsabilidade” para “perpetuar unha celebración de valor indiscutible para a veciñanza” durante a presentación deste programa, no que participa alumnado dos IES Menéndez Pidal, Urbano Lugrís, Eusebio da Guarda, do CIFP Ánxel Casal, a Facultade Educación Social e a Oficina de Medio Ambiente da UDC

A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou na mañá deste xoves, no pazo de María Pita, a iniciativa ambiental Móllate, unha acción de concienciación dirixida á mocidade que ten como obxectivo apelar á corresponsabilidade cidadá e combater a acumulación de residuos producidos na noite de San Xoán, á fin de acadar unha celebración sustentable. "O Goberno local está a traballar para introducir as medidas necesarias de xestión ambiental para garantir unhas condicións óptimas dunha festa da que todos e todas poidan gabarse incluso ao día seguinte", explicou García, "e perpetuar deste xeito unha celebración de proxección internacional cun valor indiscutible para A Coruña e a súa poboación".

"A ninguén se lle escapa que San Xoán, ademais de ser unha celebración da veciñanza, é un reto para a administración, ao ser unha festa que ten lugar en puntos de importante sensibilidade ambiental cunha afluencia moi notable, na que se manexa lume e os residuos poden ir parar ao mar", afirmou a titular de Medio Ambiente, quen apelou "á corresponsabilidade da mocidade, cidadanía e turistas" á hora de "canalizar a alegría dos festexos cara ao coidado da contorna". Neste sentido, García anunciou que o Executivo coruñés porá en marcha unha serie de medidas de sensibilización e concienciación nas vindeiras semanas para "acadar un San Xoán máis sustentable".

Entre as actuacións programadas polo Goberno local atópase a iniciativa Móllate, que a concelleira cualificou de "ilusionante e participativa", xa que ten como "protagonista indiscutible" á xente nova. O programa iniciouse durante a celebración da segunda edición do Festival Mar de Mares, e desenvolveuse ao longo do curso escolar, co obxectivo de "preparar o terreo e invitar á reflexión para que a mocidade sexa consciente do que pasa coa produción de residuos que van parar ao mar e as súas consecuencias para os ecosistemas mariños", explicou a responsable municipal. Este programa, no que participou o alumnado dos IES Menéndez Pidal, Urbano Lugrís, Eusebio da Guarda, así como do CIFP Ánxel Casal, ou a Facultade Educación Social e a Oficina de Medio Ambiente da UDC, "empoderou á mocidade", segundo García, "xa que ademais de realizar numerosas actuacións medioambientais ao longo do ano, as mozas e mozos coruñeses tomaron a responsabilidade de implicarse e colaborar no deseño das campañas de comunicación e concienciación dirixidas á xuventude que terán lugar nos próximos días".

Dentro do programa de sensibilización Móllate, en cuxa presentación tamén estiveron representantes do alumnado e profesorado participante, haberá producións audiovisuais e obradoiros de fotografía, deseños de lona para pendurar das fachas dos IES ou gravación de cuñas de radio coa finalidade de espallar a iniciativa. Outra das accións programadas será unha campaña fotográfica de adhesión individual nas redes sociais con imaxes ou textos que inciten á acadar un San Xoán máis sostible. Finalmente, os centros educativos da cidade acollerán a exposición itinerante Móllate!, elaborada polo do reporteiro gráfico Mero Barral, sobre o lixo e a limpeza das praias da cidade despois da noite de San Xoán.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión