20 de decembro de 2017
“Existe un bo entendemento co PSOE, neste momento estamos a realizar axustes de última hora, nada grave nin que non se resolva, habendo sintonía, de aquí ao trámite de aprobación inicial”, indicou
A concelleira de Medio Ambiente e primeira tenente de alcalde recordou que a previsión municipal pasa por dar luz verde ao proxecto presupostario este venres en Xunta de Goberno Local e aprobalo inicialmente o día 29 de decembro no Pleno
A concelleira de Medio Ambiente e primeira tenente de alcalde da Coruña, María García, indiciu hoxe na intención do goberno local de levar o proxecto de Orzamentos Municipais para 2018 a Pleno a próxima semana, en concreto o venres 29 de decembro, cando se procedería á súa aprobación inicial logo de que esta semana as contas locais sexan impulsadas na Xunta de Goberno Local. Nunha entrevista en Radio Coruña, a responsable municipal salientou o clima co grupo municipal socialista "é bo e o expediente está moi avanzado". "Existe un bo entendemento, pero tamén debemos ser conscientes de que toda negociación é complexa, neste momento estamos realizando axustes de última hora, nada grave nin nada que, habendo sintonía, non se resolva de aquí ao trámite de aprobación inicial", indicou.
A titular de Medio Ambiente comentou que "unha aprobación en hora dos orzamentos municipal incide directamente no grao de execución". "Dende logo, acabar o ano coa aprobación inicial é unha noticia moi boa, que incidirá directamente, como digo, no grao de execución que, non obstante, este ano está a acadar unhas moi boas cifras, a pesar da aprobación tardía dos presupostos de 2017", indicou. "Creo que é de recibo felicitar aos servizos municipais polo intensisimo traballo que realizaron para lograr que acabemos o ano cunha porcentaxe de execución similar e incluso superior á que, noutras alturas do ano firmaron, por exemplo, outros gobernos municipais que si tiñan maioría absoluta", engadiu, para indicar que a estimación de execución de cara ao final de ano pasa por chegar ao 80%.
García recordou, ao respecto dos orzamentos municipais para o próximo ano, que "se trata dunhas contas de impulso, que se incrementan en 8 millóns con respecto a 2017, case un 3,5%, por enriba do que o fan, por exemplo, os orzamentos da Xunta de Galicia". De feito, con 246,8 millóns de euros, os orzamentos do próximo ano serán os maiores da última década no Concello da Coruña, se se exceptúan os anos electorais. A isto únese a situación económica especialmente saneada da administración local, que en dous anos reduciu a débeda viva municipal en máis dun 20%. De feito, o peso da débeda no proxecto orzamentario volve baixar un 6,6% este ano, no que, ademais, tamén arrinca o investimento dos 15 millóns de fondos europeos DUSI conseguidos neste exercicio polo goberno local, dos que un terzo se investirán ao longo de 2018.
As contas municipais para o próximo ano tamén destacan pola evolución positiva dos gastos do investimento, repartido entre o capítulo VI e o capítulo VII de transferencias de capital. En conxunto, increméntanse nun 5,65% con respecto ás dotacións iniciais de 2017.
Por outro lado, a concelleira García salientou que o gasto social, en crecemento sostido dende 2015, volve medrar nestes presupostos nun 6,1%. "A Renda Social Municipal non se reduce, axústase sobre a previsión inicial agora que temos máis e mellores datos", indicou. "Arestora 300 familias, con 80 menores, reciben unha axuda que antes non existía nesta cidade, unha ferramenta que permite vivir con dignidade, unha axuda económica acompañada dun itinerario de inserción laboral", indicou a tenente de alcalde, que insistiu no incremento do gasto social, a través de investimentos non só neste programa, senón en educación, inserción, acceso á vivenda e outras axudas a colectivos con dificultades.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible