Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de maio de 2025

Melloras na mobilidade e nas conexións metropolitanas, corredores verdes, novas actividades económicas e reforzo do Porto, principais demandas da sociedade para o proxecto Coruña Marítima

Esta mañá presentáronse no Foro Coruña Marítima as principais conclusións do proceso participativo que se abriu para solicitar achegas dos coruñeses

O proxecto Coruña Marítima deu esta mañá un novo paso adiante coa presentación pública das principais conclusións do proceso participativo, que se puxo marcha co fin de solicitar achegas da sociedade para a transformación dos espazos do porto interior. 

O acto, que tivo lugar no espazo Avenida, con elevada afluencia de público, comezou cunha inauguración institucional na que participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado. Nas súas intervencións destacaron a grande oportunidade que supón para a cidade a integración dos peiraos urbanos, así como a unión das administracións como elemento fundamental para que o proxecto poida saír adiante con éxito, e agradeceron a participación dos coruñeses e coruñesas con propostas moi interesantes e innovadoras que serán incorporadas á formulación e desenvolvemento de Coruña Marítima. 

A continuación, o director da Autoridade Portuaria da Coruña, Juan Diego Pérez Freire, detallou os resultados do proceso participativo. Lembrou que as bases estratéxicas do proxecto foron remitidas a máis de mil entidades da cidade, que se creou unha páxina web específica cunha "caixa de suxestións", ademais de contas oficiais en redes sociais, e que se desenvolveron cinco obradoiros temáticos, abertos ao diálogo coa cidadanía, nos que máis de sesenta expertos/as e os/as propios/as asistentes achegaron opinións e suxestións acerca das mencionadas bases estratéxicas. 

Entre os resultados destaca o feito de que preto de 38.000 persoas visualizaron de forma activa a información sobre o proxecto, e que máis de 150 persoas trasladaron achegas; realizáronse en total preto de 700 suxestións diferentes. 

Como conclusións máis significativas, Pérez Freire sinalou que a gran maioría das achegas foron relativas a melloras na mobilidade urbana e as conexións coa área metropolitana, o impulso á mobilidade ciclista e peonil, a creación de zonas e corredores verdes, a potenciación de novas actividades económicas e de innovación, ou a importancia de reforzar as actividades portuarias, especialmente a pesca. 

Como resultado deste proceso, indicou que estas suxestións serán incorporadas ás bases estratéxicas do proxecto e que serviron para mellorar e reformular os acordos estratéxicos aprobados pola comisión Coruña Marítima. Mesmo levaron a engadir dous novos acordos, centrados nas infraestruturas verdes e a economía, co que se traballará a partir de agora con 14 acordos estratéxicos, divididos en cinco bloques: ámbito portuario, mobilidade, ámbito cidadán, ámbito ambiental e ámbito económico. 

Con todo, manifestou que tanto os especialistas como os colectivos sociais e os cidadáns particulares referendaron nas súas propostas máis do 95% do contido das bases e acordos preexistentes, ao consideralos adecuados ás necesidades do porto e da cidade. As novas bases e acordos estratéxicos, e un resumo do proceso participativo, estarán dispoñibles a partir de hoxe na web www.corunamaritima.com. Ademais, nos próximos días subiranse tamén á web as achegas que realizaron os colectivos e a cidadanía mediante a "caixa de suxestións". 

Tras a intervención do director da Autoridade Portuaria da Coruña, o Foro Coruña Marítima continuou coa participación de Teófila Martínez, presidenta da Autoridade Portuaria de Cádiz e de RETE (Asociación para a colaboración entre portos e cidades), e de David Pino, director do Port Vell de Barcelona, que o fixo por videoconferencia. 

Ambos expuxeron interesantes reflexións sobre diferentes modelos de transformacións portuarias e felicitaron as institucións coruñesas e a cidadanía polo proxecto Coruña Marítima. A xornada concluíu cun acto de clausura no que participaron Belén do Campo, delegada territorial da Xunta na Coruña; José Manuel Lage, concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica; Pilar Parra, directora corporativa de Portos do Estado; Teófila Martínez, presidenta da Autoridade Portuaria de Cádiz e de RETE, e Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña. 

Comisión Coruña Marítima 

Previamente ao evento cidadán, desenvolveuse no mesmo espazo Avenida unha reunión da comisión Coruña Marítima, presidida pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e na que están representadas as seis administracións que teñen competencias no ámbito (Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, Portos do Estado, ADIF e Autoridade Portuaria da Coruña), ademais dos grupos políticos municipais. 

Na reunión referendáronse as novas bases e acordos estratéxicos do proxecto, como consecuencia das achegas da sociedade coruñesa no proceso participativo. As bases aínda poderán ser obxecto de modificacións de carácter técnico. Con todo iso, prevese convocar neste mes de maio o concurso internacional multidisciplinar para definir o Máster Plan que rexerá a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios. Este Máster Plan deberá ser propositivo, flexible e innovador, e expoñer unha visión a medio e longo prazo, e reflectirá distintos escenarios de desenvolvemento.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión