Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de xaneiro de 2024

A EDAR de Bens encargarase da produción de 5,1 GWh de biometano, un gas con características similares ao gas natural, e Naturgy encargarase da súa purificación e subministración

Naturgy subministraralle a Inditex o gas renovable obtido do tratamento de augas residuais na EDAR de Bens

Os beneficios derivados da alianza asinada entre o Concello, Inditex e Naturgy reinvestiranse en proxectos de I+D+i vencellados cos gases renovables e a economía circular

Naturgy subministraralle a Inditex a totalidade do gas renovable producido nas instalacións da estación depuradora EDAR de Bens, localizada na Coruña. En total, serán 5,1 GWh de biometano, un gas con calidades equivalentes ás do gas natural, obtido a partir do tratamento de 130.000 m3 de augas residuais procedentes dos fogares e da industria da área metropolitana da cidade.

O biometano estará certificado mediante o esquema internacional de sostenibilidade International Sustaintability and Carbon Certification (ISCC) e permitiralle a Inditex seguir avanzando na redución das súas emisións de carbono e na utilización de fontes de enerxía cun menor impacto.

A EDAR de Bens encargarase da produción do biometano, mentres que Naturgy levará a cabo a limpeza e purificación do gas e a súa entrega a Inditex a través da rede de distribución de gas de Nedgia, a filial de distribución de gas da compañía enerxética. Esta iniciativa permitiralle ao grupo téxtil cubrir o 75% de consumo do gas natural das súas instalacións en Arteixo e A Laracha.

Os beneficios que se xeren mediante este acordo reinvestiranse en proxectos de I+D+i vencellados cos gases renovables e a economía circular nas instalacións da EDAR de Bens.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que o Concello da Coruña leva anos traballando para obter enerxías limpas a través da xestión dos residuos. "Somos pioneiros en España con este proxecto, que amosa que tamén desde o eido local é posible impulsar tecnoloxías de vangarda que permitan reducir a dependencia enerxética e, sobre todo, que permitan aproveitar os recursos para xerar enerxía da forma máis sostible. Este é un convenio que abre un camiño, e que agardo que sirva como exemplo para poder aproveitar todas as posibilidades desta nova tecnoloxía", sinalou.

O Concello da Coruña impulsa desde os seus inicios o proxecto para obter biometano, pero é tamén pioneiro na xestión de residuos para obter enerxía, con Nostián como exemplo máis visible.

O director de Sostenibilidade de Inditex, Javier Losada, sinalou que "a innovación e a colaboración son esenciais no impulso de fontes de enerxía alternativas. Este proxecto pon de manifesto como os novos desenvolvementos tecnolóxicos nos permiten aproveitar os residuos e transformalos en novos recursos, avanzando cara a unha economía circular".

"Este acordo supón un importante fito que ilustra o potencial do biometano como vector enerxético estratéxico para impulsar a descarbonización industrial de maneira eficiente", explica María Higueras, directora de vendas ao mercado industrial de Naturgy.

"Para abordar a transición ecolóxica temos que ser capaces de transformar a cadea de valor da enerxía e impulsar a economía circular. A través deste acordo, conseguimos potenciar a innovación para lles dar unha segunda vida aos residuos no proceso de descarbonización", engade Jesús Chapado, director de Innovación de Naturgy.

O biometano é unha alternativa enerxética aos combustibles fósiles cada vez máis demandada, e xa se utiliza en moitos países europeos mediante a súa inxección á rede de gas natural para o seu uso en fogares e industrias ou como combustible para vehículos. Segundo un estudo recente, elaborado por Sedigás e PwC, España conta con potencial para producir 163 TWh deste gas renovable, equivalente ao 45% da demanda de gas do país.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión